Anuncios
Ticker de novas

Expertos asesorarán este xoves en Gondomar aos afectados do Banco Pastor

O día 29 de xuño, ás 20:30 horas no Centro Neural de Gondomar, Manuel Pérez Arias, e Xoán Antón Pérez-Lema, Presidente e Secretario Xeral da Asociación Galega de Consumidores, informarán e prestarán asistencia procedemental a todas as persoas afectadas polos produtos do Banco Pastor da vila.

“Desde a Concellería de Comercio queremos dar soporte informativo sobre os posibles camiños xudiciais coa intención de levar a cabo todas as accións necesarias para intentar recuperar o diñeiro dos afectados”, sinala Xosé Antón Araúxo.

A información irá dirixida a todas as persoas que se sintan prexudicadas e queiran facer reclamacións, sexan do tipo que sexa: cláusulas chan, produtos financeiros, perda vertixinosa das accións…

Aconséllase aos afectados que desexen asistir, que vaian acompañados con toda a documentación dos seus produtos, xa que o Banco Pastor, debido á súa errática traxectoria dos últimos anos, ten unha casuística legal moi variada e complexa, que debe ser estudada de xeito singular.

Diversas asociacións de consumidores teñen acusado aos administradores do Banco Popular de presuntos delitos de falsidade contable e estafa aos pequenos investidores.

“Dende o Concello de Gondomar, vila na que o Pastor ten unha sucursal dende hai moitos anos, temos a intención de axudar a canalizar a rabia, a impotencia e a frustración dos afectados cara levar a cabo todas as accións necesarias, por todas as vías posibles, xudiciais ou extraxudiciais, que permitan aos afectados obter unha compensación polo prexuízo padecido”, conclúe o concelleiro de Comercio e Turismo.

Anuncios