A Deputación adxudica a Halcón Viajes o programa “En ruta coa Depo”

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do contrato para a xestión, desenvolvemento e execución do programa “En ruta coa Depo”, promovido polo servizo do Cohesión Social e Xuventude. En concreto, a empresa que se encargará da posta en marcha desta actuación será Halcón Viajes, ao obter a máxima puntuación no concurso público.

“En ruta coa Depo” trátase dun programa que ten por finalidade crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ademais, o programa pretende impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable. Por outra banda, “En ruta coa Depo” tamén oferta rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

“En ruta coa Depo” oferta ata un máximo de 20.000 prazas para gozar dun día coñecendo diferentes lugares da provincia de Pontevedra, acompañados dunha persoa como guía e incluíndo o xantar e o transporte. Este ano, por primeira vez, haberá prazas de balde, un total de 400 para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social.

A institución provincial preparou un total de 32 alternativas de “En ruta coa Depo” divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.

As rutas temáticas do programa “En Ruta coa Depo” ofertan seis alternativas para as entidades. A primeira delas, denominada Camelias do Sur, percorre o Parque Quiñones de León e do Castro en Vigo e o Castelo de Soutomaior. A segunda alternativa, Camelias Señoriais, descorre polos Pazo de Lourizán, Gandarón e Oca na Estrada. A terceira ruta, denominada Camelias do Mar, achega ás persoas participantes aos Pazos de Rubiáns, A Saleta e Quinteiro da Cruz. A cuarta alternativa, denominada Prehistoria, percorre os concellos de Vilaboa, para coñecer a mámoa do Rei; Moaña, para visitar o dolmen de Chan de Armada e Chan de Arquiña, e Redondela para descubrir a mámoa de Monte Penide. A quinta alternativa temática, tamén denominada Prehistoria, traslada ás entidades ata Poio, para visitar o Parque arqueolóxico da Caeira, e Marín, para coñecer os petróglifos de Mogor e o Castro da Subidá. A última ruta temática permite ás persoas participantes no programa descubrir algúns dos edificios da Deputación de Pontevedra como o Pazo Provincial, o Palacete das Mendoza, o Museo de Pontevedra e o Pazo de Lourizán.

En canto ás rutas culturais trátanse de 13 alternativas que permiten coñecer os principais atractivos turísticos de concellos como Cambados; Salvaterra de Miño e Arbo; Cuntis e Caldas de Reis; Cangas e Bueu; Silleda; Agolada e Vila de Cruces; Lalín; Meis; A Guarda, Tomiño e Tui; Barro, Portas, Valga e Catoira; Ponteareas, Mondariz Balneario e Mondariz; Moaña e Vilaboa e A Cañiza e Covelo.

Pola súa banda a Deputación de Pontevedra oferta ao abeiro do programa “En ruta coa Depo” catro alternativas marítimas. A primeira delas por Arousa, visitando a illa da Toxa, paseando en barco pola ría con degustación a bordo e coñecendo o Museo da Salga do Grove e o xacemento da Lanzada. A segunda alternativa consiste na visita á Illa de San Simón, ao Museo Meirande, Redondela, o Castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio. A terceira ruta marítima levará ás entidades ata as Illas Cíes así como ata o conxunto histórico de Vigo e o barrio mariñeiro do Berbés. A última alternativa achegará ás persoas participantes ata a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

As rutas adaptadas ofertan tres alternativas para persoas con mobilidade reducida. A primeira delas por Vigo, percorrendo o centro arqueolóxico Vila Romana de Toralla, así como o parque de Castrelos, o conxunto histórico e a zona do Náutico. A segunda alternativa, por Baiona e o seu conxunto histórico, a Casa da Navegación e os paseos de Monte Boi e marítimo. A última ruta, por Pontevedra, achega ás interesadas e interesados ao conxunto histórico da cidade así como ao Museo de Pontevedra a e illa do Corvo.

En canto ás rutas dinámicas a Deputación de Pontevedra propón tres ofertas. A primeira delas en Nigrán, realizando surf ou kaiak nas praias de Patos e A Madorra e incluíndo visita ao Templo Votivo e o Arco de Panxón, ao faro de Punta Lameda e ao miradoiro de Monteferro. A segunda ruta, polo Morrazo, levará ás persoas participantes ata a praia de Liméns para montar en kaiak e percorrerá a costa da Vela, Cabo Home, as praia de Melide e Barra e O Facho. A última das alternativas dinámicas é pola Illa de Arousa, facendo surf e remo, así como percorrendo a ruta dos Cons, o miradoiro de Con do Forno e o espazo natural do Carreirón.

Pola súa parte, entre as rutas interxeracionais a Deputación de Pontevedra oferta tres modalidades do programa “En ruta coa Depo”. A primeira delas discorre por Pontevedra e Marín, visitando a senda do río Lérez, Apípolis, a Granxa de Briz, o lago de Castiñeiras e o Ecoparque. A segunda alternativa leva ás entidades ata Barro, Campo Lameiro e Valga, visitando o Parque da Natureza do Río Barosa, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre así como as fervenzas de Raxoi e Pedrafita e a praia fluvial de Ponte Valga. A última das rutas, por Vigo, transcorre polo parque do Castro, Vigozoo e a ruta etnográfica de Zamáns.

A Deputación de Pontevedra destina ó programa “En ruta coa Depo” 260.000 €, 21.500 € máis que o ano 2016.