Anuncios
Ticker de novas

Gustavo López, do Covaterreña, gaña o I Concurso Literario sobre a protección de datos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Gustavo López co seu premio.

Gustavo López Leyenda, alumno de 4º de ESO do CPI Covaterreña de Baiona, resultou gañador de toda Galicia do I Concurso Literario Infantil sobre protección de datos organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

O estudante baionés de 15 anos foi o vencedor na categoría 3º-4º de ESO co seu traballo “Diario Tecnolóxico”, presentado a través de Isabel Martínez Cabaleiro, profesora de informática e directora do centro.

O acto de entrega do premio, que consistiu nunha tablet para o autor e un kit de robótica para a súa aula, tivo lugar este martes no Salón de Actos do Covaterreña coa presenza do secretario do CPEIG, Juan José González Cid, a concelleira Mª Carmen Paredes, e familiares e compañeiros do gañador.

González Cid destacou que o CPI Covaterreña foi o segundo centro que máis traballos presentou, 18 dos 29 alumnos de 4º de ESO participaron. Respecto ao traballo gañador, sinalou que “en clave de humor, foi capaz de transmitir moitas anécdotas que son reais”.

Pola súa banda, Gustavo mostrouse agradecido. “Cando a profesora díxome que gañara non o cría porque eu en primeiro lugar fíxeno para saír do paso, xa que o traballo era obrigatorio, e resulta que o presentamos a un concurso. Nunca cheguei pensar que ía gañar. Estou contento de deixar un kit de robótica para o colexio. Gustoume moito, e a partir deste traballo vín cousas que antes non sabía e que hai que ter máis coidado co uso da información que transmitimos nas redes sociais”, comentou na súa intervención.

Finalmente, a directora do colexio manifestou que “como profesora e vendo o resultado tamén me sinto gañadora, moi orgullosa de que o noso centro figure por unha cousa tan relevante”.

O obxectivo do concurso é que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.

O xénero literario tiña que ser artigo periodístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. Como liñas condutoras destes traballos podíanse considerar as seguintes, sen quedar limitadas: Que é para ti a protección de datos?; Como afecta a protección de datos no teu día a día?; Protexe os teus datos, protexe a túa privacidade; Que acontecería se houbese protección de datos no conto da Carapuchiña Vermella?; Protexer os datos nas redes sociais, é importante?; Como protexes os teus datos?.

O referente foi o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.

O “DIARIO TECNOLÓXICO” DE GUSTAVO LÓPEZ LEYENDA

Anuncios