Nigrán premia a entidades e veciños “que contribúen a poñer en valor o municipio”

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Foto de familia de todos os galardoados.

O Auditorio Municipal de Nigrán acolleu este venres a gala dos VI Premios Nigrán, promovidos dende o Concello. Así, nesta sexta edición foron homenaxeados no eido cultural o grupo de teatro “Entre lusco e Fusco” do CRC O Torreiro de Priegue; no educativo o CEIP A Cruz (Camos); no empresarial a Panadería Valverde; no deportivo o Club Ciclista Rías Baixas e no social o voluntariado do Concello de Nigrán, todos eles designados co consenso absoluto da corporación.

Durante a gala, á que asistiron veciños, membros da corporación e representantes de diferentes entidades do municipio, actuou o grupo nigranés San Rockers e se proxectaron diferentes vídeos relativos á historia de cada galardoado. «Este acto é un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados. Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo contribúen a poñer en valor o municipio, facendo del un lugar dinámico, inclusivo e solidario e do que sentírmonos orgullosos, por iso, coma os dos anos anteriores, se merecen este galardón», indicou o alcalde de Nigrán, Juan González, quen entregou o diploma e peza conmemorativa (deseñada ex-profeso o ano pasado polo artista Juan Coruxo) a cada un dos homenaxeados. Xunto ao rexedor estivo a actriz Cristina Maró, encargada un ano máis de conducir a cerimonia e quen narrou brevemente a historia de cada un.

Na gala, que comezou e rematou coa actuación de San Rockers, interviñeron todos os premiados: Iria Aguilar, directora do CEIP A Cruz (Camos); Alfonso Valverde, propietario da Panadería Valverde; José Luis Chamorro, presidente do Club Ciclista Rías Baixas; Pilar Rodríguez, directora do grupo de teatro “Lusco e Fusco”; e membros do voluntariado do Concello de Nigrán, subindo ao escenario os seis responsables do almacén de alimentos, cinco do roupeiro municipal e o profesor de informática Antonio Lago (dedica as mañás de xeito desinteresado a impartir clases de informática no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa).

OS PREMIADOS

Cultural: grupo de teatro “Entre lusco e fusco”

“Entre lusco e fusco” trátase dun grupo de veciños de Nigrán unidos pola súa paixón polo teatro. Así, naceu no ano 1998 vinculada ao CRC O Torreiro de Priegue da man da dez persoas, entre elas Pilar Rodríguez Prado, quen exerce actualmente como directora. O grupo caracterízase por representar comedias en galego ou castelán, entre elas destacan “Os celos fan das súas”, “Papá, ¿Vas a ser papá?”, “A voda de Esganarello”, “No hay ladrón que por bien no venga” ou a vindeira estrea “Los pintores no tienen recursos”. Moitas destas obras son adaptacións a cargo da propia Pilar Rodríguez. Actualmente a compañía está formada por 8 mulleres.

Educativo: CEIP Camos

O CEIP Da Cruz (Camos) inaugurouse no ano 1983. No ano 2010 deixa de ser un colexio de Educación Primaria e unifícase coa Escola Infantil de Marín (en Camos), converténdose así no CEIP Da Cruz, actualmente formado por cen alumnos. No seu quefacer pedagóxico destacan os proxectos para dar a coñecer o patrimonio cultural e natural máis próximo, actividades complementarias para crear unha conciencia ecolóxica e solidaria no alumnado ou o emprego de contos e teatro para dar a coñecer outros pobos ou promover os valores e a educación emocional. O fin último deste centro público é acadar o desenvolvemento integral dos nenos.

Empresarial: Panadería Valverde

A Panadería Valverde foi fundada nos anos 20 a carón da praia de Panxón por Manuel Valverde Alonso, quen tivo que pechar temporalmente unha parte da Guerra Civil. Situada na rúa Jesús Espinosa dende hai 50 anos, actualmente traballa nela a terceira e cuarta xeración da familia Valverde; os propietarios, xa xubilados, son Alfonso Valverde (fillo do fundador) e a súa muller Rosalía Costas. O negocio o conforman unha ducia de empregados que se multiplica durante o verán. Entre os seus produtos máis característicos destacan as empanadas, o brazo de xitano ou a torta de Santiago, todos eles froito de receitas mantidas fielmente dende a súa orixe. A mellor materia prima, o traballo duro e a dedicación son os tres ingredientes que nunca faltan nesta panadería histórica.

Deportivo: Club Ciclista Rías Baixas

O Club Ciclista Rías Baixas naceu en Nigrán no ano 1991 da man do seu presidente, José Luis Chamorro. Tras un cuarto de século de existencia e dar o salto ao nivel competitivo en 2013 na categoría elite e sub 23, actualmente é un club de referencia en Galicia e unha plataforma para todas aquelas promesas que queren chegar ao ciclismo profesional. Así, o que se iniciou hai 26 anos a través dun grupo de amigos coordinado por José Luis Chamorro se transformou co tempo nun club do máximo nivel, gañando en 2016 a Volta a Galicia ou acadando o terceiro posto como mellor equipo de España, ademais dos títulos autonómicos de fondo e contrarreloxo. Actualmente o cadro o forman 60 corredores de diferentes categorías, constituíndo 16 deles a elite e sub 23.

Social: voluntariado do Concello de Nigrán

Os grupos de voluntariado do Concello de Nigrán se dividen en tres eidos: o roupeiro (creado en 2009), as clases de informática para adultos (2010) e o de axuda ao Banco de Alimentos.

O roupeiro, actualmente nas antigas instalacións municipais da Policía Local, empezou ocupando a casa do conserxe do colexio Humberto Juanes. Levado dende sempre por voluntarios, trátase dun espazo onde se recolle sobre todo roupa e xoguetes que se entrega de xeito gratuíto ás persoas que o precisan.

Antonio Lago Rodríguez, mestre xubilado, dedica altruistamente as súas mañás a impartir clases de informática no Centro da Terceira Idade á xente maior que desexa iniciarse ou perfeccionar o seu manexo das novas tecnoloxías.

Finalmente, dende o ano 2016 un grupo de voluntarios encárgase de recibir, clasificar e ordenar alimentos procedentes principalmente do Banco de Alimentos pero tamén de doazóns, torneos benéficos… Todo elo en colaboración cos Servizos Sociais do Concello para destinar a persoas en dificultade.

UNHA DAS ACTUACIÓNS DE SAN ROCKERS NA GALA DOS VI PREMIOS NIGRÁN
FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Unha das actuacións do grupo San Rockers.