Anuncios
Ticker de novas

O festival Vive Nigrán confirma no cartel a New Day e Os amigos dos músicos

FOTO: NEW DAY

A organización do Vive Nigrán vén de confirmar a incorporación ao seu cartel de New Day, banda liderada pola ex Dover Amparo Llanos, e do grupo ourensá Os amigos dos músicos. A estes dous novos fichaxes súmanse as bandas xa previamente anunciadas Las Bistecs, Joe Crepúsculo, Viva Suecia e Basanta.

New Day, que estará no escenario Mahou de Vive Nigrán, é un proxecto da cantante e guitarrista Amparo Llanos e Samuel Titos (ambos ex Dover) xunto ao baterista Jota Armijos (ex-Fuckaine). A formación, que xurdiu a finais de 2016 a partir da disolución de Dover, confirmou a súa presenza en dous festivais en Galicia, Noroeste (Coruña) e Vive Nigrán. A banda levará as cancións do seu primeiro traballo, “Sunrise”, “un berro”, segundo a cantante, “de independencia y de anhelo a los demás”, co que comezan o seu camiño como banda. Pola súa banda, Os Amigos dos músicos acaba de recibir o Premio Martín Códax da música galega a mellor grupo de Pop/Indie. Os premios, organizados pola asociación Músicos ao Vivo, recoñecen o seu traballo no último ano, no que publicaron o seu primeiro disco e levaron a súa música por dentro e fóra do país. O grupo continúa presentando o seu primeiro disco e despois de levar as súas cancións a Asturias, Euskadi, Valencia ou Madrid.

O picnic-pop festival, que se celebrará en Praia América o 26 e 27 de agosto, esgotou en só 48 horas á venda do bono de 10 euros para as primeiras cen entradas e agora está a piques de rematar a segunda oferta de lanzamento de 12 euros polos dous días de concerto e animación (pódese adquirir as últimas a través de http://www.ticketea.com/entradas-festival-vive-nigran).

Vive Nigrán dará a benvida en pleno verán a un novo evento que culminará ao grande a programación estival no municipio e que porá ao mesmo tempo o broche final ao circuíto de Festivais Rías Baixas. Para elo, a proposta é transversal e vai máis alá dos concertos en directo a pé de praia. Así, configuráronse unha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición desde xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, un market, sesións Dj, obradoiros, charlas… Unha serie de actividades que debuxan un picnic pop festival de cultura creativa; unha filosofía e un estilo de vida para gozar intensamente Nigrán desde a mañá ata a noite en compañía de familia ou amizades. E todo iso nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes)e a pé da marabillosa península de Monte Lourido. Unha contorna espectacular situada no sendeiro azul que une A Ramallosa e Panxón, nunha das postais máis fermosas de Nigrán e que mereceu un ano máis o recoñecemento de ADEAC pola recuperación do ecosistema dunar, do espazo e a súa convivencia co ocio e turismo sostible.

Anuncios