Anuncios
Ticker de novas

COGAMI denuncia que moitas das prazas para discapacitados non cumpren a lei

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Dúas prazas para persoas con mobilidade reducida en Baiona.

Nos últimos anos son moitos os concellos que están a acondicionar as prazas de aparcadoiro reservadas a persoas con mobilidade reducida, un dereito e necesidade que dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) aplauden porque ata o de agora, as que había eran escasas ou mesmo non as había.

Sen embargo, consideran que moitas destas novas prazas reservadas non se axustan á legalidade porque non cumpren nin coas dimensións adecuadas, nin coa localización axeitada, nin contan con accesos á beirarrúa que sexan accesibles.

Entre as queixas que lles chegan ao servizo de información, asesoramento e orientación de COGAMI, cabe destacar estas:

– Prazas que non teñen un tamaño adecuado a todos os vehículos adaptados, moitos destes están habilitados con ramplas de acceso na parte lateral ou traseira.

– Ao carecer de espazo suficiente, existe falta de seguridade para acceder ao vehículo, tendo que ocupar parte da estrada co conseguinte risco que supón para a saúde.

– Fanse prazas reservadas pero non se condicionan os accesos ás beirarrúas, co que a persoa ten que desprazarse pola estrada sorteando coches que circulan e estacionados.

– É bastante frecuente que as prazas que se destinan a persoas con discapacidade estean en zonas nas que hai colectores do lixo, pivotes, papeleiras e outros obstáculos urbanísticos, co que se dificulta o uso das mesmas.

– Non se deixan espazos mínimos para moverse ao redor dos coches.

– Carencia de itinerarios accesibles.

Medidas das prazas reservadas que marca a lei

Ante esta situación, dende COGAMI queren recordarlle aos concellos que existe unha norma legal que se debe cumprir. Son os concellos os que teñen a competencia, a través de ordenanzas municipais, para regular a materia de tráfico e aparcadoiro na súa localidade, polo que entenden que deben ser estes os que se axusten ás indicacións básicas que as normativas estatal e galega ditan respecto as condicións das mesmas. Deben cumprir a reserva e tamén as medidas previstas.

O decreto galego 35/2000 establece no seu código de accesibilidade 1.3 as dimensións e características destas prazas indicando as medidas e dimensións adaptadas e/ou practicables. Non obstante, esta norma está xa antiga e estase á espera de que o goberno galego elabore e publique o regulamento da lei galega de accesibilidade 10/2014, polo que temos que tomar como referencia as dimensións da Orde VIV 561/2010, que son as máis actuais e que a propia lei galega 10/2014 fai referencia no preámbulo aplicable na nosa Comunidade.

Tanto as prazas dispostas en perpendicular, como en diagonal á beirarrúa, deberán ter unha dimensión mínima de 5 m de lonxitude × 2,20 m de ancho e dispoñerán dunha zona de aproximación e transferencia lateral dunha lonxitude igual á da praza e un ancho mínimo de 1,50 m. Entre dúas prazas contiguas permitiranse zonas de transferencia lateral compartidas mantendo as dimensións mínimas descritas anteriormente.

As prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con mobilidade reducida estarán sinalizadas horizontal e verticalmente co Símbolo Internacional de Accesibilidade.

O artigo 37 indica que ningún elemento relacionado coas entradas e saídas de vehículos (portas, vaos, etc.) poderá invadir o espazo do itinerario peonil accesible.

Reserva de prazas

Os principais centros de actividade das cidades deberán dispoñer de prazas de aparcadoiro reservadas e deseñadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida. Como mínimo unha de cada corenta prazas ou fracción, independentemente das prazas destinadas a residencia ou lugares de traballo, será reservada e cumprirá cos requisitos dispostos no artigo 35 da Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados, aínda que se eleva o rango normativo da obrigación ao ser incluída neste real decreto.

O que di a norma graficamente e non se respecta

 

Anuncios