Zurrumalla presenta o seu segundo traballo titulado “Camiño por ti” no IEM

O Instituto de Estudos Miñoráns presentará o vindeiro venres 16 de xuño ás 20:30 horas o segundo traballo do grupo musical Zurrumalla «Camiño por ti». Composto por Patri González: Pandeireta, pandeira e voz, Carlos Sabaríz,»Pelouro»: Bombo, Suso Comesaña: Gaitas, saxo soprano e voz, Juan Comesaña, «Viti»: Tamboril, Nacho Álvarez: Acordeón e voz, Bieito Lobariñas: Gaitas, cunchas, pandeireta e voz. O acto terá lugar na sede do IEM (Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira , 10 baixo. Gondomar) e será presentado por Xilberte Manso de la Torre.

«Zurrumalla naceu como grupo ala por febreiro do ano 2000 cando un grupo de amigos decidimos dar pulo aos nosos devanceiros e ás nosas inquedanzas musicais. Desde o inicio, co esforzo e o tempo roubado aos nosos quefaceres cotiáns para os ensaios por acá e acolá, fomos quen de ilusionarnos e gozar coas notas que iamos arrincando á historia e tradición musical da terra. Arredor dela creamos un universo no que nos sentimos unidos, ledos e orgullosos. O noso desexo é compartir este gozo, esta ledicia e este orgullo amais de que entre todos e todas, dignifiquemos a tradición. Por iso, durante estes anos da vida do grupo, e ao longo dos moitos concertos pola xeografía do país, procuramos ofrecer o mellor que como gaiteiros podemos arrincar de nós».

Anuncios