Anuncios
Ticker de novas

Nigrán recibe preto de 30.000 € ao abeiro do “Plan Concellos 2017”

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas ao Concello de Nigrán ao abeiro do “Plan Concellos 2017”. Deste xeito, Nigrán recibe a cantidade de 21.000 €, por unha banda, para subministrar a estrutura de aceiro inoxidable da pista multideportiva da Ramallosa e, pola outra banda, outros 8.712 euros que permitirán ao concello adquirir o subministro de luminarias para o paseo marítimo de Panxón. Deste xeito, as dúas axudas ascenden a un total de 29.712 euros.

Ademais, anteriormente a institución provincial xa destinara ao Concello de Nigrán 203.745,59 euros en liña 1 destinados á adquisición dunha parcela para a construción dun almacén municipal e para acondicionar as instalacións eléctricas. Ademais, outros 76.100 € en liña 2 para o financiamento de distintas actividades como unha milla solidaria, unha exposición, a festa de San Fiz, ciclos como “Nigrán Area” ou “Nigrán jazz”, un programa municipal de canguros, o Entroido, unha travesía a nado, o Ano Carlos Casares e probas deportivas, entre outros, e finalmente, na liña 4 de emprego, outros 218.252,28 € para a creación de 27 postos de traballo nos diversos servizos municipais do concello.

Coa suma destas novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do “Plan Concellos 2017” da Deputación de Pontevedra en Nigrán está na actualidade no 54,4%, ao xa ter recibido o 96,5% do total do investimento. Isto supón que a vila xa dispón de 527.809,87 € dun total de preto de 940.000 €.

Anuncios