Anuncios
Ticker de novas

A Deputación aproba as bases da segunda edición de “Tecendo Lazos”

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou as bases da segunda edición de “Tecendo Lazos”. Cun orzamento de 60.000 euros, o programa permitirá desenvolver máis de 50 obradoiros (un por vila) no último trimestre deste ano para persoas, entidades e asociacións dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Os obradoiros terán unha duración de 16 horas e deberán participar entre 10 e 30 persoas, das que arredor da metade serán menores de idade.

Como novidade deste ano, todos os obradoiros do programa “Tecendo Lazos” levan incorporado un módulo, “A historia do meu concello”, no que os e as participantes “recompilarán as historias, lendas, contos e fotografías dos seus concellos”, sinalou a Presidenta. Ademais, elaborarán un traballo (en formato papel ou audiovisual) con todo o material que recompilen “e que poderán presentar a un concurso no que a Deputación de Pontevedra premiará o mellor traballo”, afirmou Carmela Silva. O premio consistirá nun catálogo de produtos ademais de 50 copias do traballo gañador.

Carmela Silva sinalou que os concellos poderán escoller entre cinco temáticas de obradoiros diferentes: “Risos en familia”, “O noso son” (sobre cancións e bailes locais) ou “Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia”, onde as familias “compartirán xogos tradicionais e tamén construirán xoguetes cos que xogaban as persoas maiores da súa familia, para que as máis novas os coñezan e tamén facer un repaso á historia”, sinalou a Presidenta provincial.

Ademais, con “Faino ti mesmo” as persoas participantes desenvolverán actividades de expresión plástica e manualidades con elementos reciclados e reutilizados “coas que fomentaremos o respecto ao medio ambiente e tamén o desenvolvemento da creatividade e do traballo en equipo”, afirmou a Presidenta provincial. E, por último, “Rastrexos”, no que as familias “mellorarán os seus coñecementos en historia e na realidade social e cultural da súa contorna coa lectura, procura de pistas ou a documentación”, asegurou Carmela Silva.

“Tecendo Lazos”, unha iniciativa do servizo de Cohesión Social e Xuventude, ten o obxectivo de fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre. Estas actividades están destinadas a persoas de distintas xeracións dunha mesma familia, para a adquisición de lazos afectivos entre elas, dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra.

Cos obradoiros de “Tecendo Lazos” a Deputación de Pontevedra porá en contacto a distintas xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais das persoas que participen. Ademais, poremos en marcha estratexias e oportunidades para crear espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio de recursos, ideas e valores que produzan lazos afectivos para poder construír sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

Os concellos de menos de 20.000 habitantes que se queiran adherir terán 15 días hábiles a partir do día seguinte da publicación do extracto destas bases no BOPPO.

Anuncios