Nigrán repón con luminaria LED e novos báculos os farois do centro do municipio

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán esta substituíndo actualmente os farois do centro do municipio por outros novos con tecnoloxía LED, trátase dun investimento de 11.000 euros que suporá unha mellora na eficiencia e aforro enerxético e menos contaminación luminosa sen restar seguridade aos peóns. En total, son 35 báculos na contorna de Rosalía de Castro que se atopaban en moi mal estado e que foron repostos por outros completamente rectos, de 9 metros de altura, e fabricados en aceiro galvanizado con acabado lacado en gris, incluíndo o escudo do Concello de Nigrán na parte inferior.

«Resultan uns farois máis ecolóxicos porque supoñen un importante aforro de consumo e ao mesmo tempo ofrecen a mellor imaxe de Nigrán, xa que se trata dun mobiliario urbano de deseño moderno que substitúe a outro que se atopaba desfasado e en pésimas condicións», resume o alcalde, Juan González.