De Baiona a Ons a por o campionato galego

FOTO: ROSANA CALVO // José María Peinó tratará de mellorar o terceiro posto logrado en 2016.

Máis de 30 regatistas de diferentes clubs náuticos de Galicia dispútanse mañá sábado nas Rías Baixas o Campionato Galego de Solitarios e A Dous, unha proba cuxa principal característica é que os veleiros deberán ir tripulados por unha ou dúas persoas como máximo.

Ás once da mañá, a frota de barcos chegados de Sada, Portosín, Bouzas, Punta Lagoa, Canido ou Baiona, e un par deles de Portugal e o Reino Unido, escoitarán o sinal de saída no interior da baía de Baiona, desde onde emprenderán rumbo ao faro de Camouco, fronte á illa de Ons.

Preto de corenta millas de percorrido de ida e volta que as tripulacións afrontarán con boas condicións, xa que as previsións meteorolóxicas anuncian un vento do noroeste cunha media de 12 nós, que podería aumentar ata os 24 á primeira hora da tarde.

Entre os competidores veremos caras habituais deste tipo de regatas con tripulacións reducidas. Estarán, entre outros, o actual campión de solitarios, Jean Claude Sarrade; ou José María Peinó, que tratará de mellorar o terceiro posto que logrou na anterior edición do campionato.

Victor Carrión e Ana Sardiña a bordo do Menudeta, e Enrique Porto e Damián Puebla no J80 Ferralemes son outros dos favoritos para facerse co título de dous en dous. E nunha frota maioritariamente masculina, destaca a presenza dun barco tripulado unicamente por mulleres, o Pazo de Cea, no que competirán María Campos e Rita Hernández.