O Club Ciclista Rías Baixas aspira a prolongar a súa serie no Campionato de Galicia de fondo

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Se hai unha carreira que se lle deu especialmente ben ao Club Ciclista Rías Baixas durante os últimos anos, esa foi a do Campionato de Galicia en liña. A entidade presidida por José Luis Chamorro asinou o dobrete en Elite e Sub23 hai dous anos no Miradoiro do Ézaro, e a pasada campaña impúxose co sub23 Samuel Blanco na Estrada. Coa aspiración de prolongar este excelente refacho, o conxunto miñorano acudirá este domingo á cita autonómica que se disputará en Pontevedra.

Este ano o galego de fondo na estrada ábrese a corredores de fóra da comunidade e será unha competición puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). Por esa razón, Marcos Serrano poderá aliñar a todos os integrantes do seu persoal que están dispoñibles.

Doce ciclistas compoñerán a formación do cadro do Val Miñor. Os galegos Diego González, Raúl González, Yago López, Jon Ander Tomei, Roberto Mediero, Rodrigo Enríquez, Daniel Rodríguez e Lois Rodríguez, estarán acompañados polo madrileño Jaime Guzmán, o berciano Jesús Nanclares, o cántabro Diego Tirilonte e o surafricano Ivan Venter.

O Club Ciclista Rías Baixas chega a este campionato despois de acumular presenzas nos podios durante os últimos 20 días. Conseguiu tres medallas no Campionato de Galicia de contrarreloxo, Venter acabou terceiro no GP V Centenario e Tirilonte vén de proclamarse campión cántabro Elite de crono.

O percorrido desta proba consta de 131 quilómetros e arrancará ás 10:00 horas desde a Praza de España de Pontevedra. A ese mesmo punto está prevista a chegada dos primeiros clasificados a partir das 13:00 horas.