A Garda Civil intercepta a un camioneiro polaco circulando en sentido contrario pola AP-9

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Garda Civil interceptou onte ao condutor dun camión, de nacionalidade polaca, cando circulaba en sentido contrario pola autoestrada AP-9, á altura da localidade do Porriño.

Os feitos sucederon sobre as 13:30 horas de onte, á altura do quilómetro 166,200 da AP-9. O trasportista, accedera á autoestrada pola saída da localidade do Porriño e dirixíase a un polígono industrial de Vigo pola calzada destinada ao tráfico en sentido sur. Unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño decatouse da circunstancia e rapidamente procederon a desviar o tráfico do carril dereito para evitar unha colisión, e interceptaron ao camioneiro co apoio dunha dotación de seguridade cidadá do Posto Principal da Garda Civil da mesma localidade, restablecendo a normalidade do tráfico a continuación.

A rápida e coordinada actuación dos compoñentes do Destacamento de Tráfico e do Posto Principal do Porriño puido evitar que se producise un accidente de consecuencias impredicibles, non tendo que lamentar danos persoais ou materiais.

O condutor, un home de 35 anos, de nacionalidade polaca, manifestou aos actuantes que non se decatou da sinalización que impedía o acceso á autoestrada e que descoñecía a ruta. O resultado das probas de alcol e drogas efectuadas foi negativo en ambos os casos.

O incidente concluíu cunha ao Regulamento Xeral de Circulación por “Circular en sentido contrario ao estipulado nunha vía dividida en dúas calzadas”, que leva unha sanción económica de 500 euros e a detracción de 6 puntos do permiso de condución.

De existir voluntariedade e dolo na conduta, o feito podería ser constitutivo dun delito contra a seguridade viaria, penado e definido no artigo 380 do Código penal.

Anuncios