Ferreira esixe á Xunta a firma do convenio para incluír a Gondomar no Transporte Metropolitano

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, volve requirir á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia que convoque a Comisión de Transportes para incluír a Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano de Vigo.

O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar acordou no mes de marzo por maioría absoluta, cos votos a favor de todos os grupos a excepción de CABE, a inclusión de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta, para que os gondomareños puidesen acollerse aos “descontos” que o ente autonómico outorga aos usuarios do transporte público grazas á tarxeta metropolitana, e que aos mozos de entre 4 e 18 anos, suponlles a total gratuidade do servizo coa tarxeta “xente nova”.

No pleno de marzo “non só se aprobou a inclusión de Gondomar no plan de transportes, senón que tamén se aprobou unha modificación de crédito de máis de 90.000€ para afrontar o 20% que as arcas municipais deben achegar ao plan, e que ben puidesen ser empregados noutras cuestións, con todo, aí están reservadas para o transporte e á espera que a Xunta decida mover ficha despois de pasar catro meses”, sinala o rexedor.

Ferreira non entende por que a Xunta “segue no seu empeño de machucar con tal omisión aos gondomareños, cando o goberno municipal vén de facer un esforzo económico desmesurado e de asumir, mesmo, competencias que son exclusivas da Xunta, como é o transporte público de viaxeiros”. Por iso, “esiximos á Consellería de Infraestruturas a constitución inmediata da Comisión de Transportes e a remisión do correspondente Convenio para ser asinado; os gondomareños non son merecedores de desigualdades partidistas nin poden verse prexudicados pola inoperancia e atrasos inxustificados dos gobernantes autonómicos”, concluíu o alcalde.