Interceptado un condutor incorporándose á AP-9 coas rodas do vehículo picadas

FOTO: GARDA CIVIL

Unha dotación do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra interceptou onte en Poio a un condutor cando pretendía incorporarse á autoestrada AP-9, coas rodas do coche picadas.

Os feitos sucederon ás 14:00 horas no acceso á AP-9, sentido Vigo, á altura da rotonda do parque de Bombeiros, próximo á Comandancia da Garda Civil. Unha patrulla do Destacamento de Tráfico de Pontevedra, que regresaba de servizo, decatouse de que un vehículo, que estaba a acceder á autoestrada, circulaba dunha forma moi estraña e con moitas dificultades para avanzar na marcha.

Ao interceptar o turismo comprobaron que tiña as rodas picadas e levaba a defensa dianteira totalmente descolgada e rozando o pavimento. Ao mesmo tempo, decatáronse de que o condutor, de 62 anos, veciño de Pontevedra, mostrábase totalmente desorientado e non era consciente nin das dificultades que tiña para circular co vehículo nesas condicións e moito menos da gravidade da situación que podía xerar se consegue incorporarse á autoestrada.

Para solucionar o incidente foi necesario o servizo dun guindastre que retirou o vehículo da vía e o apoio dunha ambulancia que se fixo cargo do condutor.

Posteriormente púidose saber que, momentos antes, esta persoa non se decatou de que golpeara un coche que estaba estacionado na Porteliña (Poio) e continuou a marcha, cunha velocidade moi moderada, en dirección a Pontevedra, sen ser consciente nin do estado do vehículo, nin ser capaz de interpretar os sinais de aviso que lle daban os demais usuarios, ata que foi interceptado pola Garda Civil.

Desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra quérese resaltar que é moi importante alertar a través do número de teléfono 112 ou o 062 cando nos atopemos un caso similar ao anterior, e ás persoas que se atopen neste tipo de situacións, lembrarlles que o que deben facer é deter o seu vehículo no lugar menos perigoso para a circulación e poñelo inmediatamente en coñecemento dos teléfonos anteriores para proceder ao seu auxilio en evitación de calquera accidente.

2017-05-26 - GCT 1