
A dirección do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor V”, promovido pola Mancomunidade do Val Miñor e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, organiza a Xornada “Encontro de Hostaleiros do Val Miñor” o día 26 de maio no Pazo Pías (Ramallosa) en horario de 11:30 a 13:30 horas.
Esta actividade ten por obxectivo que o empresariado do sector da hostalería do Val Miñor e potenciais empregadores coñezan o traballo realizado neste obradoiro cara á inserción do alumnado traballador.
Ofrecerán un aperitivo-cóctel, que nesta ocasión, ademais da preparación e servizo realizado polos alumnos traballadores, contarán coa presenza de grandes profesionais do sector como o Chef Iván Méndez, un dos novos valores da cociña galega, o Chef Daniel Donato (xefe de cociña do restaurante Os Abetos), ou o Barista Luis Blanco (campión de España de baristas).
Tamén contarán con empresas do sector que mostrarán os seus produtos como Auga de Mar Brétema, Vermú Petroni, Viños Joaquín Rebolledo, que darán a coñecer dous dos seus novos viños “Lomas de Fontei”, Herbas de Caaveiro, Viño Neta Manuela, Ginebra galega “la Pócima”, Algamar, Informática para la hostalería, Licores e Augardentes de Galicia e Requeixo e Mel.