Anuncios
Ticker de novas

A Xunta destina preto de medio millón de euros a axudas para adquirentes de vivenda

A Xunta de Galicia destinará un mínimo de 499.000 euros á concesión de axudas para a adquisición, a adxudicación ou a promoción individual de vivenda para uso propio, por parte de persoas que obtivesen financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, segundo establece a orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia. Na mesma orde establécese que a contía da convocatoria poderá ser ampliada no caso de que sexa necesario.

Poderán beneficiarse destas axudas as seguintes persoas:

a) As adquirentes de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.
b) As adquirentes de vivendas libres de prezo limitado, así como de vivendas usadas.
c) As adxudicatarias de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral promovidas en réxime de cooperativa.
d) As promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.

É requisito necesario para acceder ás axudas que os solicitantes estean acollidos ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, así como ter formalizado un préstamo convido entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2012. A orde regula outros requisitos para acceder ás axudas, como dispoñer de escritura rexistrada, non ter recibido anteriores axudas para o mesmo fin etc.

Poderán beneficiarse da axuda as persoas que se atopen incluídas nalgún dos seguinte colectivos:

• Unidades familiares con ingresos que non excedan de 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem).
• Persoas que acceden por primeira vez á vivenda.
• Mozos menores de 35 anos.
• Persoas maiores de 65 anos.
• Mulleres vítimas da violencia de xénero.
• Vítimas do terrorismo.
• Afectados por situacións catastróficas.
• Familias numerosas.
• Familias monoparentais con fillos.
• Persoas dependentes ou con discapacidade oficialmente recoñecida, e as familias que as teñan ao seu cargo.
• Persoas separadas ou divorciadas, ao corrente do pago de pensións alimenticias e compensatorias.
• Persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo.
• Outros colectivos en situación ou risco de exclusión social determinados pola Comunidade Autónoma.

O importe da axuda será de 2000 euros por cada colectivo no que se atope incluído o beneficiario.

Por outra parte, ás persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, así como ás persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade, corresponderalles, como subvención, o 25% do prezo total da vivenda que figura na correspondente escritura de compravenda ou adxudicación ou, no caso de promoción individual para uso propio, a suma dos valores da edificación e do solo que consten na escritura de obra nova. Nestes casos, a subvención terá un límite de 17.000 euros e os ingresos familiares non poderán exceder de 1,5 veces o Iprem.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, 25 de maio.

Anuncios