Anuncios
Ticker de novas

O equipo alevín do CB Nigrán proclámase campión de Liga

FOTO: CB NIGRÁN // O equipo alevín do CB Nigrán celebrando o título.

O equipo alevín do CB Nigrán proclamouse onte campión de Liga tras gañar o seu último encontro no pavillón do CPI de Panxón despois dunha exitosa tempada na que o conxunto nigranés mantívose invicto desde o inicio da mesma.

Trátase do primeiro título de Liga para o CB Nigrán desde que a actual directiva retomase a actividade deportiva do club fai agora tres anos.

O equipo campión de Liga está formado por un total de 10 xogadores e xogadoras que proveñen das escolas deportivas que o CB Nigrán ten nos diferentes colexios do municipio. Neste equipo en concreto maioritariamente dos colexios de Cruz Camos e Carlos Casares de Vilariño. Trátase de xogadores e xogadoras que, despois de recibir unha formación inicial dentro das actividades que o club leva a cabo no propio centro educativo, decidiron federarse e empezar así a competir na liga correspondente.

O presidente do Club, Enrique Villar, felicitou onte ao equipo pola fantástica tempada realizada destacando a grandísima progresión que tiveron partido a partido así como a boa conexión entre todos e a xenerosidade cos compañeiros no campo de xogo. Desde a directiva queren felicitar tamén ás familias por animarlles e levalos a adestrar e aos seus adestradores Nuria e Xurxo polo magnífico traballo realizado con todos eles, pois este triunfo é un mérito de todos.

Anuncios