UCN reprocha ao alcalde a falta de información sobre a modificación de usos de Porto do Molle

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O portavoz do partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, reprocha ao alcalde Juan González que non informase á Corporación da modificación de usos do plan de sectorización do parque empresarial e terciario de Porto do Molle, promovido por Zona Franca, “e que teñamos que decatarnos pola prensa, -nin tan sequera figura no páxina Web do Concello-, incluído o cruzamento de acusacións co portavoz de Nigrán Decide, despois dunha pregunta formulada na última reunión do Consello Sectorial”.

UCN lamenta que ao tratarse dunha actuación sumamente importante como é a modificación de usos do polígono Porto do Molle, non tivese a máis mínima sensibilidade de informar os grupos políticos do inicio do expediente por parte de Zona Franca e presentado ao Concello para a súa remisión á Xunta de Galicia, para emitir o preceptivo informe de avaliación e incidencia ambiental, como paso previo para tramitar a correspondente modificación puntual do Plan de Sectorización; máxime cando UCN xa interpelara ao Alcalde en varios plenos sobre a conveniencia de colaboración mutua dos técnicos municipais e do Ente Estatal, para liquidar os múltiples problemas que están a xurdir na tramitación das licenzas urbanísticas e de funcionamento das novas empresas a instalarse, e que en moitos casos están a se retardar máis do razoable, como sucedeu con Delta Vigo e outros, coas repercusións negativas que ten, non só para as empresas, senón tamén, para a creación de emprego.

UCN lembra -tanto ao Alcalde como ao concelleiro de Urbanismo-, a relevancia que supón o parque terciario de Porto do Molle, como motor económico importantísimo, non só para o municipio de Nigrán, senón tamén para todo o Val Miñor, “polo que é de vital importancia a estreita colaboración entre ambas as dúas Administracións, a pesar do contencioso existente, pola interpretación do convenio aprobado en Pleno o 25/2/2009 polo PSOE, sobre o aproveitamento urbanístico, e que o ex alcalde do PP sen informes xurídicos nin económicos de ningún tipo que o ampare, asinou un Decreto o 29/5/2013 de dubidosa legalidade -que oxalá os tribunais non consideren como acto arbitrario e de abuso de poder, polas posibles responsabilidades en que puidese incorrer-, reclamando 4,6 millóns de euros, obxecto do actual conflito, sen tan sequera informar á Corporación”.

Antonio Fernández Comesaña advirte que a aprobación da futura modificación do Plan de Sectorización de Porto do Molle require de maioría absoluta da Corporación, e lémbralle ao Alcalde a situación do seu goberno en minoría, o que fai aínda máis necesario se cabe, contar co resto dos grupos políticos, para poder sacar adiante a futura modificación de adaptación á actual normativa, do Polígono de Porto do Molle.