
Os clubs náuticos de Vigo e Canido pelexan por facerse co podio do Trofeo Baitra, que se celebra este fin de semana en Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates e co patrocinio de Baitra Accesorios Navales.
A competición de vela infantil celebrou esta sábado na baía baionesa a súa xornada inaugural baixo un precioso sol de primavera, pero cun vento que dificultou bastante a navegación dos novos regatistas. As previsións indicaban que sopraría con certa intensidade, pero tras a celebración das dúas primeiras regatas empezou a caer e impediu que se completasen as outras dúas mangas que o comité tiña previstas para este sábado.
A pesar de todo, as dúas probas disputadas permitiron ir definindo un podio provisional no que os clubs vigueses teñen, de momento, o máximo protagonismo. Na competición dos 420, destaca sobre toda a frota o equipo formado por Jorge Enríquez e Guillermo Núñez, do Real Club Náutico de Vigo. Con 15 anos de idade e menos dun ano de experiencia navegando neste tipo de barcos, Jorge e Guillermo lograron esta tarde dous primeiros postos e lideran a clasificación de Sub 16 e a xeral da clase. En Sub 19 vai na cabeza outro equipo do náutico vigués, o formado por Carlota Hernández e Ana Carrasco.
Na competición dos Optimist, os podios provisionais das distintas categorías osténtanos Adriana Pérez Canal e Liang Jane García, de 12 e 11 anos, do Club Marítimo de Canido; e o pequeno Tiago Vecino, de 10 anos, do Real Club Náutico de Vigo.
Tras as probas iniciais deste sábado, a competición entra o domingo na súa recta final coas últimas mangas do trofeo, que se disputarán a partir das once e media da mañá nun campo de regatas que volverá estar situado no interior da baía de Baiona. A previsión do comité é dar saída a catro mangas para os equipos de 420 e tres para os Optimist.
Pola tarde, unha vez finalizada a actividade na auga, celebrarase a entrega de premios aos gañadores, que recibirán os seus galardóns e premios económicos de man de varios responsables do Monte Real, como club anfitrión, e de Baitra, como empresa patrocinadora do evento. A cita co podio de vencedores é ás catro e media nos xardíns do club baionés.
CLASIFICACIÓN 1ª XORNADA TROFEO BAITRA DE VELA INFANTIL
420 • SUB 16
1. JORGE ENRÍQUEZ Y GUILLERMO NÚÑEZ • RCN VIGO
2. ALEJANDRO PÉREZ Y ENRIQUE LAGOS • RCN VIGO
3. ROSALÍA MARTÍNEZ Y SANDRA TRIGO • MRCYB
420 • SUB 19
1. CARLOTA HERNÁNDEZ Y ANA CARRASCO • RCN VIGO
2. ELENA MOLARES Y ENMA ARANA • MRCYB
3. YAGO GONZÁLEZ Y JORGE GONZÁLEZ • MRCYB
OPTIMIST A
1. ADRIANA PÉREZ CANAL • CM CANIDO
2. PAULA DA ROCHA IGLESIAS • CM CANIDO
3. DIOGO LIMA • WE DO SAILING
OPTIMIST B
1. LIANG JANE GARCIA • CM CANIDO
2. RITA PINTO • WE DO SAILING
3. HELENA PÉREZ CANAL • CM CANIDO
OPTIMIST C
1. TIAGO VECINO • RCN VIGO
2. PABLO MARQUINA • MRCYB
3. INES AMENEIRO • RCN VIGO