Anuncios
Ticker de novas

Nigrán festexa o Día Mundial das Abellas cunha xornada apícola na Ramallosa

FOTO: PEPE COSTAS

O Concello de Nigrán festexa este sábado na Ramallosa o Día Mundial das Abellas xunto a Asociación Galega de Apicultura, a asociación de comerciantes de A Ramallosa e Ovalmi. Trátase dunha celebración internacional para facer difusión sobre a importancia das abellas e reivindicar a súa necesaria protección como gardiás do medio ambiente.

Esta I Feira Apícola terá lugar durante toda a xornada na rúa Camiño da Cabreira, que permanecerá cortado ao tráfico, e no Centro Comercial, onde serán as diferentes conferencias. Precisamente, Concello e comerciantes acordaron celebrala no corazón do comercio da Ramallosa co obxectivo de dinamizar a zona. Así, a feira situarase na rúa coa presenza de apicultores locais que porán os seus produtos á venda xunto ao CEE Juan María e Encaixamos, que levarán manualidades feitas a base de cera e doces elaborados con mel. Durante a mañá amenizará o evento o grupo de gaiteiros de Chandebrito, pola tarde as pandereteiras de Priegue e durante todo o día estará o dúo para os nenos “Volvoreta e Voltereta”, ademais de haber obradoiros infantís. Paralelamente, celebrarase o sorteo dunha cesta entre todas as rifas que se foron entregando esta semana coas compras nos comercios locais. No Centro Comercial Ramallosa haberá diferentes conferencias: ás 10:30 sobre a produción de pole, ás 11.30 sobre manexo ecolóxico antivarroa, ás 16.30 fotografar a natureza a cargo de Ruth Villar e, finalmente, ás 17.30 entrega de premios do concurso de debuxos realizado en diferentes colexios do Val Miñor.

A celebración do Día Mundial das Abellas ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a importancia das abellas na súa función da polinización polos beneficios que aporta á agricultura, ao medioambiente e á alimentación. Esta iniciativa partiu no 2014 da Asociación de Apicultura de Eslovenia, país onde esta data xa está establecida como o Día Nacional das Abellas, e foi apoiada por Apimondia, Federación Internacional de Asociacións Apícolas. Á espera de que sexa aprobada oficialmente polas Nacións Unidas, está sendo celebrada internacionalmente por unha grande parte do sector apícola de todo o mundo.

Anuncios