Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas chega cargado de medallas a Coruña

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ

Este venres ponse en marcha a primeira rolda por etapas do calendario elite e sub23, a Volta Ciclista á Provincia da Coruña. O Club Ciclista Rías Baixas chega con boas sensacións a unha das citas que ten marcada en vermello cada tempada. Os representantes do proxecto presidido por José Luis Chamorro conseguiron este mércores tres medallas no Campionato de Galicia de contrarreloxo, ocupando cinco dos sete primeiros postos na clasificación.

Na proba sub23 Diego González colgouse a prata e Raúl González o bronce, mentres que Rodrigo Enríquez logrou a terceira praza en Elite, unha categoría na que o cántabro Diego Tirilonte asinou o segundo mellor tempo e o berciano Jesús Nanclares o terceiro, pero non subiron ao podio ao ser ciclistas de fóra de Galicia.

Estes cinco corredores forman parte da aliñación que Marcos Serrano presenta na rolda coruñesa. Os sub23 Jon Ander Tomei e Lois Rodríguez completan o bloque da formación miñorana para unha volta que consta de tres etapas.

A primeira xornada celébrase este venres sobre un percorrido de 150 quilómetros con saída e chegada en Tordoia. O bandeirazo inicial darase ás 13:45 e o alto de Boimorto, de 3ª categoría no km 59, é a única dificultade montañosa puntuable nun perfil ondulado e cun final en constante subida.

Carballo-Carballo e Ortigueira-Ortigueira serán as outras dúas etapas desta volta que se lle resiste ao Club Ciclista Rías Baixas. O ano pasado quedou a un paso de gañala ao finalizar segundo na xeral José Manuel Gutiérrez, un corredor que deu o salto esta campaña ao campo profesional.

Anuncios