Anuncios
Ticker de novas

Tres podios para o Club Ciclista Rías Baixas no Campionato de Galicia de contrarreloxo

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

O Club Ciclista Rías Baixas foi o único equipo con tres representantes nos podios Elite e Sub23 do Campionato de Galicia de contrarreloxo individual disputado este mércores en Baños de Molgas (Ourense). Rodrigo Enríquez colgouse o bronce en Elite, e en sub23 Diego González logrou a segunda posición e Raúl González a terceira. Ademais, a entidade presidida por José Luis Chamorro situou na clasificación absoluta elite, para corredores galegos e de fóra de Galicia, a Diego Tirilonte na segunda praza e a Jesús Nanclares na terceira.

O mellor tempo nos 11,4 quilómetros de percorrido marcouno o elite Aser Estévez (Cortizo – Anova). O seu rexistro foi de 17:11 nun trazado esixente con moitos tramos de subida. A 38″ do gañador finalizou Tirilonte e o sub23 Martín Bouzas (Supermercados Froiz) ocupou o terceiro posto a 43″.

A continuación, terminaron tres representantes da entidade miñorana. Diego González cedeu 51″, Raúl González 59″ e Jesús Nanclares 1 minuto e 9 segundos.

A participación do Club Ciclista Rías Baixas na cita autonómica completárona cinco sub23. Na súa categoría, Ivan Venter concluíu oitavo, Lois Rodríguez noveno, Jon Ander Tomei undécimo, Yago López duodécimo e Daniel Rodríguez décimo cuarto.

A próxima cita no calendario será a partir deste venres a Volta á Provincia da Coruña.

Anuncios