Nigrán Decide acusa ao goberno municipal de facilitar información falsa no Consello Sectorial do PXOM

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Nigrán Decide publica no seu BLOG nigrandecide.wordpress.com o borrador da segunda modificación singular do plan de sectorización do Parque empresarial terciario de Porto do Molle do Concello de Nigrán, que desde o 10 de abril de 2017 até o 12 de xuño de 2017 está en período de exposición pública xunto co documento ambiental estratéxico de dita modificación.

A pesar de que, segundo o documento de consultas publicado na web da Xunta de Galicia referido a esta modificación indica que o día 06/04/17, o Concello de Nigrán solicitou á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciar a avaliación ambiental estratéxica simplificada desta modificación, o Goberno Municipal, a través do alcalde e do concelleiro de urbanismo, afirmou descoñecer a súa existencia na reunión do Consello Sectorial celebrada o mércores 10 de maio cando preguntou por ela o voceiro do grupo municipal de Nigrán Decide.

Para Nigrán Decide, este feito é gravísimo “xa que pon de manifesto que, sexa por ignorancia ou con animo de enganar a todos os colectivos sociais presentes na reunión do Consello Sectorial, o goberno municipal non facilita información veraz e correcta sobre un tema tan sensible para Nigrán e toda a súa veciñanza como é todo o relacionado co urbanismo”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar preguntándose que confianza pode transmitir este goberno en temas estratéxicos como os relacionados co urbanismo, “se non nos podemos fiar da información que nos facilita”.

Por último, desde Nigrán Decide sinalan que pedirán explicacións no próximo pleno para saber se o goberno mentiu conscientemente ou se a súa incapacidade de xestión chega aos límites de descoñecer realmente o que pasa no departamento de urbanismo.