Nigrán Decide esixe a inmediata convocatoria das subvencións para actividades culturais, deportivas e festeiras

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Nigrán Decide esixe a inmediata convocatoria das subvencións para actividades culturais, deportivas, festeiras e veciñais aprobadas no pleno celebrado o 29 de marzo de 2017, hai case dous meses, para que os colectivos de Nigrán poidan programar as súas actividades sabendo as axudas que van recibir do Concello.

No pleno do mes de abril, a preguntas do grupo municipal de Nigrán Decide, o alcalde sinalou que aínda non foran convocadas as subvencións este ano, pola necesidade de que fosen publicadas na base nacional de subvencións, trámite para o cal non é necesario esperar case dous meses.

Hai que lembrar que o ano pasado as subvencións para estas actividades foron convocadas o día 13 de maio de 2016 mediante a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, só 15 días despois da súa aprobación no pleno, sen que foran remitidas a dita base de datos para a súa publicación, requisito que tampouco cumpriu o concello na convocatoria das becas para realizar prácticas na oficina municipal de turismo, xa que actualmente só están publicadas as bases do segundo plan de becas municipais na base de datos de subvencións.

Anuncios