Usuarios do Centro de Educación Especial Juan María recibiron hoxe no CPI de Panxón clases prácticas de educación viaria a cargo da Policía Local de Nigrán, que empregou para a ocasión triciclos, bicicletas adaptadas da asociación Discamino, e karts eléctricos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
Os centros educativos de Nigrán benefícianse ao longo deste mes de clases teóricas e prácticas completamente coordinadas, deseñadas e impartidas desde a Policía Local coa colaboración de DXT, que cede os recursos para un circuíto. Mantense así un traballo que este corpo iniciou no curso 2013/2014 impulsado polo propio inspector xefe José Manuel Vázquez.
O Grupo de Intervención Supramunicipal (GES) colabora tamén mostrando aos nenos os diferentes vehículos de emerxencia (como o camión de bombeiros). «Ensinámoslles a interpretar os sinais dos axentes, as luminosas, verticais e horizontais. Tamén lles indicamos como colocarse na bici, como facerse visibles, a obrigatoriedade do casco para menores de 16 anos…», indica Teodoro de la Peña, axente local encargado de Educación Viaria.



