A Deputación achega máis de 265.000 € a Baiona para renovar as instalacións deportivas do Aral

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O goberno de Carmela Silva aprobou destinar preto de tres millóns de euros para levar a cabo vinte proxectos e investimentos en trece concellos da provincia de Pontevedra. Baiona, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Lalín, Mondariz-Balneario, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, O Porriño, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vilanova de Arousa serán os beneficiarios destas achegas enmarcadas na liña 1, investimentos, do “Plan Concellos 2017”. Carmela Silva subliñou que “con esta relación levamos xa aprobados investimentos para os concellos da provincia por valor de 10.631.582,03€ da liña 1 do Plan Concellos, é dicir, o 41,29% do total correspondente a esta liña, que este ano ascende a 25.750.000 €”.

En concreto, aprobáronse achegas por valor de 1.159.549,35 € para que os concellos de Baiona, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén e o Porriño poidan, entre outras cuestións, renovar o céspede artificial das súas instalacións deportivas, mellorar pistas de atletismo, impulsar novas zonas verdes, ampliar a rede de saneamentos dos núcleos urbanos e rurais así como pavimentar camiños e rúas.

No caso de Baiona as achegas ascenden a 265.450,41€ a través dos cales o concello vai renovar o céspede artificial e a pista de atletismo na instalación municipal deportiva do Aral. Silva informou, ao respecto, que ata o momento Baiona ten aprobado o 63,38% do orzamento correspondente ao Plan Concellos deste ano.

LIÑA 2

O goberno de Carmela Silva aproba tamén axudas por valor de 629.884,60 € para que 16 concellos poidan levar a cabo amortizacións, pagamento de débedas e gasto corrente así como gastos derivados da realización de actividades culturais,deportivas ou sociais ao abeiro da liña 2. En concreto, beneficiaranse destas achegas Cuntis, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, Meis, Mondariz, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Pontecesures, Sanxenxo, Soutomaior, Tui, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Carmela Silva subliñou que “con esta relación levamos xa aprobados investimentos para os concellos da provincia por valor de case tres millóns de euros da liña 2 do Plan Concellos, é dicir, preto do 50% do total correspondente a esta liña, que este ano ascende a 6.180.000 €”.

Máis polo miúdo, a Deputación de Pontevedra achegará 12.826,15 € a Gondomar para o taller da memoria para maiores, para a II Gala do deporte e para un programa de cinema.