Anuncios
Ticker de novas

17 novas empresas avanzan en Porto do Molle subidas ao foguete de ViaGalicia

FOTO: XUNTA DE GALICIA

Os quince proxectos de empresa xeneralistas máis os dous específicos do sector aeroespacial que están a realizar a fase de Aceleradora na presente edición de ViaGalicia explicaron esta mañá á Delegada, Teresa Pedrosa, e á directora de Gain, Patricia Argerey, como están a evolucionar as súas incipientes empresas e de que maneira está a axudarlles a iso o ser seleccionados polo programa de ViaGalicia.

Na súa exposición, a maioría dos responsables dos equipos xestores coincidiron en que aínda que puíron moitísimo a súa inicial idea de negocio, e avanzado enormemente no camiño empresarial grazas ás titorías recibidas, nestes momentos teñen que traballar máis os plans de márketing para mellorar as súas vendas e planificar mellor as súas alianzas para planificar a saída ao mercado. Refacer a páxina web, redeseñar o logo-marca ou mellorar o proceso de vendas foron aspectos que se trataron ao longo da mañá con total sinceridade polos emprendedores que transmitiron a Teresa Pedrosa que á súa estupenda idea de negocio “subida a este foguete de ViaGalicia” agora había que sumarlle a necesidade de buscar axuda de profesionais nestes campos para converterse en empresas que entren con forza no mercado.

Pero tamén se compartiron con todo o grupo non pequenos éxitos como o feito de ser seleccionados por grandes firmas do sector, o asinar alianzas con outros fabricantes nacionais e estranxeiros ou o atopar materiais e tecnoloxías que achegan valor a produtos tradicionais. As empresas aeroespaciais, pola súa banda, comentaron coa Delegada que o estar aloxados fisicamente no edificio Aeroespacial de Porto do Molle é xa para eles unha enorme vantaxe xa que alí relaciónanse día a día cos mellores do sector, coas persoas que traballan na Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE) e cos investigadores da UVigo.

Anuncios