A bandeira azul ondeará un ano máis no Monte Real Club de Yates

FOTO: MONTE REAL CLUB DE YATES // O Monte Real Club de Yates e as súas praias circundantes obteñen a bandeira azul un ano máis.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) concedeulle, un ano máis, ao porto deportivo do Monte Real Club de Yates, a bandeira azul polo coidado ambiental das súas infraestruturas, a calidade das súas augas e a excelencia dos seus servizos náuticos.

O club baionés é un dos 18 portos deportivos de Galicia, 8 deles da provincia de Pontevedra, distinguidos neste 2017 con este prestixioso galardón, que conta co respaldo da Unesco e a Organización Mundial do Turismo, e que recoñece a boa xestión que o Monte Real realiza nas súas instalacións. O club consolida así unha distinción que mantén, de forma ininterrompida a excepción dun ano, desde 1988.

O seu programa ambiental específico recolle actuacións relacionadas coa auga, os residuos, o consumo de enerxía, a seguridade ou a saúde, entre outras accións.Trátase dun plan que repercute moi positivamente non só nas propias instalacións do Monte Real, senón tamén nos areais circundantes, que non ven afectados nin pola trasfega de visitantes nin polos traballos que a diario se realizan no club.

Proba diso é que as praias da Ribeira e A Barbeira, que circundan as súas instalacións, xunto coas da Concheira e Os Frades, os outros dous areais que forman parte da península de Monte Boi ou Monterreal onde se atopa situado o club, obtiveron este ano tamén a bandeira azul.