Anuncios
Ticker de novas

Nigrán abre o prazo de inscrición da VII travesía a nado Costa Serena

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Nigrán abre hoxe luns o prazo de inscrición da VII edición da travesía a nado Costa Serena, que se celebrará o 9 de xullo en Praia América. Esta proba é a travesía de maior participación de toda Galicia e espera reunir a máis de 500 nadadores procedentes de toda Galicia, Asturias, Castela-León, Madrid e Portugal, superando a cifra alcanzada o pasado ano (475 persoas).

A travesía, organizada polo club Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Secretaría Xeral para O Deporte.

As inscricións poderán realizarse entre o 8 de maio e o 3 de xullo a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com). O regulamento e a información da travesía están dispoñibles na páxina web www.travesiaanadocostaerena.es.

Este ano a organización colaborará coa Asociación Williams de Galicia coa participación de varios nenos afectados por esta enfermidade de orixe xenética, que nadarán nas probas de curto percorrido. Os nadadores, no momento da inscrición, poderán realizar unha achega económica, con carácter voluntario, que irá destinada integramente á asociación.

A travesía constará de dous percorridos, que serán cronometrados por chip. O percorrido longo, no que se prevé unha participación de preto de 400 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido curto, cunha distancia de 800 metros, disputarase en paralelo á costa, o que abrirá a participación a numerosos bañistas, curiosos e afeccionados á práctica deste deporte. A saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que a proba longa.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 11:45 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil e kaiaks seguindo a proba.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos entre 5 e 13 anos. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e de 150 (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros).

Premios

Na proba de 800 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na de 4.000 metros, daranse premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías na proba de 4.000 metros. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Inscricións

A zona de concentración dos nadadores será no Marina Estelas, á beira das instalacións deportivas Dunas Gaifar, a partir das 09:00 horas.

O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 19 euros e de 17 euros para a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría das dúas probas e medallas aos tres primeiros clasificados na proba de 4.000 metros, un aperitivo no Marina Estelas, un xeado e participación no sorteo de material deportivo.

As probas dos nenos teñen un custo de 10 euros e inclúe: camiseta, gorro, avituallamento, asistencia médica, seguro de responsabilidade civil, medallas para todos os participantes e un xeado.

Anuncios