Baiona recibe a visita da carabela “Boa Esperança”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Baiona convértese de novo en punto de referencia para embarcacións históricas que reviven as viaxes dos mariños portugueses e españois na era dos Descubrimentos. O Porto Pesqueiro da Vila recibiu este venres a visita da carabela “Boa Esperança” en parada técnica durante a súa viaxe entre Lagos (Portugal) e Ostende (Bélxica).

A carabela «Pinta» compartirá esta fin de semana protagonismo en Baiona cunha embarcación de características semellantes, a «Boa Esperança», un dos barcos máis emblemáticos da historia de Portugal que o pasado mes de outubro xa estivera a disposición de todos os baioneses que quixeron coñecela máis de cerca.

Nesta ocasión a embarcación da Fundación Nao Victoria chegou en escala técnica para aprovisonarse de combustible e alimentos, ademais de permitir o descanso da tripulación. “Sempre somos moi ben recibidos en Baiona e aquí dispoñemos de excelentes instalacións para facer un descanso”, apuntou José Fernández, director executivo da Fundación.

A “Boa Esperança” partirá de novo en dirección a Bélxica entre o domingo e o luns en función da meteoroloxía, polo que non será posible organizar visitas, pero o responsable da Fundación adiantou que na viaxe de volta, a finais do mes de setembro, pararán de novo en Baiona para abrir as súas cubertas aos veciños e visitantes.

O concelleiro de Actividades Marítimas, Raúl Costas, foi o encargado de dar a benvida á tripulación da carabela. “Baiona xa é un porto de referencia para embarcacións tan importantes como a “Boa Esperança” ou a “Nao Victoria”, tanto pola nosa situación privilexiada coma polos servizos que lles ofrecemos”, apuntou o edil.

A bordo do barco viaxan un total de doce tripulantes, entre os que se atopan mariñeiros profesionais e estudantes que fan as súas prácticas. A carabela ten 24 metros de eslora e foi construída en Portugal coas técnicas empregadas na época, en madeira de pino e carballo. Actualmente ten base en Lagos (Portugal) e funciona como un museo flotante do patrimonio cultural ligado ás grandes expedicións marítimas que durante os séculos XV e XVI partiron do Algarve e Andalucía occidental a percorrer os mares de todo o mundo.

A “Boa Esperança” foi o navío no que os mariños portugueses ao mando de Bartolomé Díaz lograron en 1488 dobrar Buena Esperanza, o mítico cabo das Tormentas. Os navegantes lusos lograron con aquela expedición bordear África e abrir a ruta cara o mítico Oriente.