A Agrupación Deportiva Vincios celebra a Festa do Deporte

A Agrupación Deportiva Vincios organiza este sábado 6 de maio unha xornada deportiva que incluirá unha andaina, un cross escolar, unha proba de dúatlon, unha carreira popular e exhibicións de canicross e tiro con arco.

Ás 10:00 da mañá sairá desde o Campo de Fútbol da Pasaxe a andaina, cun percorrido de 15 km. e unha duración aproximada de 4 horas.

Ás 16:30 horas comezará a Festa do Deporte de Vincios no Campo de Fútbol da Pasaxe co XXIV Cross Escolar “Santa Mariña”. As categorías participantes e os horarios son os seguintes:
1ª – 16:30 e 16:35 – INFANTÍS (2004 – 2005) – 1200 e 1900 mts.
2ª – 16:40 e 16:45 – ALEVÍNS (2006 – 2007) – 1000 e 1200 mts.
3ª – 16:50 e 16:55 – BENXAMÍNS (2008 – 2009) – 700 mts.
4ª – 17:05 e 17:10 – PRE-BENXAMÍNS (2010 – 2011) – 400 mts.
5ª – 17:20 – PITUFOS FEMININOS “A” (2012) – 160 mts.
6ª – 17:25 – PITUFOS MASCULINOS “A” (2012) – 160 mts.
7ª – 17:30 – PITUFOS FEMININOS “B” (2013-14-…) – 120 mts.
8ª – 17:35 – PITUFOS MASCULINOS “B” (2013-14-…) – 120 mts.
9ª – 17:30 – CADETES (2002-2003) – 3.000 mts.

As probas comezarán primeiro pola feminina e despois a masculina. As altas de atletas rematarán ás 16:30 horas, excepto para as probas de pitufos. Haberá premio para todos os participantes e un servizo de asistencia sanitaria.

Tamén ás 16:30 horas comezará o IV Dúatlon Popular Santa Mariña, cun percorrido total de 9,5 km. -1,5 de carreira, 7,5 de bici de montaña e outros 0,5 km de carreira-. A partires de 16 anos con bici de montaña e casco obrigatorio.

Ás 17:30 horas terá lugar a IV Carreira Popular Santa Mariña (6 km.) ou Mini Carreira (3 km.), para cadetes e absoluta.

Ademais, desde as 16:00 ata as 20:00 horas haberá exhibicións de tiro con arco a cargo do Club Serra de Gondomar e de canicross polo Club Kennel Den.