A Deputación de Pontevedra estreou este martes, 2 de maio, a nova imaxe da páxina web do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, o BOPPO, accesible a través da ligazón http://www.boppo.depo.es. Con este lavado de cara, a nova páxina web do BOPPO non soamente se adapta á nova imaxe corporativa da institución provincial, senón que tamén incorpora grandes vantaxes en canto á facilidade de lectura e cambios estruturais que a permiten ser accesible a través de todos os dispositivos móbiles, entre outros.
A páxina principal da web do BOPPO cambiou por completo a súa estrutura para eliminar todos os elementos innecesarios que complicaban o seu uso e a partir de agora inclúe o sumario do último boletín, facilitando o acceso aos anuncios, así como un acceso ao envío de anuncios máis un buscador máis predominante que o incluído na versión anterior da páxina, facilitando a busca de anuncios antigos.
En canto ao seu deseño, a web do BOPPO é agora “responsive”, isto é, adaptada a todos os dispositivos móbiles e mellorando a lectura do Boletín en smartphones e tablets. Ademais, adaptouse á nova estética acorde coa nova imaxe corporativa institucional, adoptando os novos logotipos, cores e demais elementos estéticos da mesma, cun deseño moito máis moderno e actual, eliminando sombras e degradados que repercutían na accesibilidade e lectura da páxina e introducindo unha nova tipografía que favorece o seu uso.
Os cambios tamén se fixeron ver na versión imprimible da páxina web do BOPPO. Con esta reformulación, tamén adaptada á nova imaxe corporativa da Deputación de Pontevedra, adoptáronse medidas como a adaptación das marxes do BOPPO á Administración electrónica (sinatura electrónica de documentos) e retiráronse estilos na cabeceira que lle engadían moito peso aos documentos, entre outras medidas.
A través destes cambios, a Deputación de Pontevedra avanza na súa liña de renovación absoluta das súas canles de comunicación telemática coa cidadanía, despois de ter renovado por completo as páxinas web tanto da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas. Ademais, o novo Goberno da institución provincial cumpre o seu compromiso fundamental no eido das novas tecnoloxías, isto é, ser unha institución transparente, tecnolóxica e participativa, que pon á disposición de toda a cidadanía aquelas ferramentas que lle permitan ter un acceso libre á información á que ten dereito.

