A AD Vincios asina por primeira vez un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a secretaria da Agrupación Deportiva Vincios de tenis de mesa, María Belén González Ramírez, firmaron hoxe no pazo Provincial un convenio de colaboración para o patrocinio da entidade deportiva. No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, o presidente do Vincios, Vicente Pintos, e a deputada de Deportes, Chelo Besada. Estas axudas enmárcanse dentro do Plan Estratéxico de Deportes da Deputación dirixido a divulgar e promover os valores da práctica deportiva, así como crear sinerxias cos clubs de elite para que se convertan en embaixadores da marca turística Rías Baixas.

A través deste acordo, o club comprométese a inserir o logo da Deputación na camiseta do primeiro equipo, que compite na Superdivisión Masculina (máxima categoría desta disciplina), así como tamén na do equipo da División de Honra Feminina, que é a segunda liga nacional. Igualmente, colocarase o logo da institución provincial en diferentes espazos do Pavillón Municipal de Gondomar, no chándal oficial do club en todas as categorías e na camiseta oficial das categorías inferiores, así como na web, facebook e cartelería das competicións que a agrupación organice.

A Agrupación Deportiva Vincios, que asina por primeira vez un acordo de colaboración coa Deputación de Pontevedra, ademais de competir hoxe en día na Superdivisión masculina, e na División de Honra feminina, está integrado por 70 deportistas, conta con 9 equipos e cuns trinta rapaces e rapazas nas súas escolas deportivas.

En total 12 clubs da provincia asinarán acordos de colaboración coa Deputación de Pontevedra por un total de 900.000 € dentro da liña de apoio ao deporte de Pontevedra.

Anuncios