O xadrecista gondomareño Artai Bringas gaña o II Torneo Vila de Noia

FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA // O gondomareño Artai Bringas, recollendo o trofeo do II Torneo Vila de Noia.

Este luns, primeiro de maio, deu comezo o XII Circuíto Galego de Xadrez Promoción 2017 co II Torneo Vila de Noia, onde un ano máis houbo participación do Club de Xadrez Laroca de Nigrán. Nesta ocasión foron dous laroqueiros e unha laroqueira os que participaron na categoría sub-14.

O gondomareño Artai Bringas Gómez conseguiu gañar o Torneo con 6.5 puntos dos 7 posibles. Do club miñorán tamén participaron Ana Fernández Carneiro e Mauro Sanromán Costas.

Derradeira xornada da liga galega de xadrez

O pasado sábado rematou a liga galega de xadrez, onde os equipos laroqueiros culminaron unha gran tempada, cumprindo con creces os obxectivos fixados ao comezo da mesma.

Na primeira división, o Laroca A rematou a xornada cunha derrota ante o líder do grupo, o Xadrez Tui – Xadrez Galego A, por 0.5-3.5. O medio punto foi conseguido por Sergio, e con este resultado os laroqueiros rematan no quinto posto da clasificación.

Na segunda divisón, o Laroca B rematou a liga cunha vitoria ante o Mos B por 2.5-1.5, co que garantiu a categoría. Os puntos foron conseguidos por Patricio e Dani, e táboas de Araujo. Con esta vitoria os laroqueiros rematan na sétima praza.

O Laroca C rematou cunha vitoria no seu desprazamento a Pontevedra por 3.5-0.5. Esta vitoria non lles chegou aos laroqueiros para conseguir a primeira praza que daba a praza de ascenso. Rematan a liga na segunda posición e a tan só 0.5 do líder. Os puntos foron conseguidos por Artai, Chema, Lino e táboas de Guillermo.

Anuncios