Sin categoría

A meteoroloxía, protagonista da segunda xornada do Trofeo Repsol

A meteoroloxía foi a protagonista, esta tarde en Baiona, da segunda xornada do Trofeo Repsol, que se celebra durante esta ponte do primeiro de maio baixo a organización do Monte Real Club de Yates.

Un mar axitado con moita onda e ventos de ata 40 nós obrigaron ao comité de regata a aprazar o inicio das probas durante catro horas. Finalmente, e tras unha melloría da situación no interior da baía, deuse saída aos monotipos.

Cun campo de regatas algo máis amplo que na xornada inicial, a frota de J80, J70 e Fígaros disputáronse dúas mangas de algo máis de tres millas de percorrido, que afrontaron con rapidez e dando un gran espectáculo.

En J80, o Okofen de Javier de la Gándara aumenta as súas opcións de lograr a vitoria final do trofeo tras lograr dous primeiros postos nas regatas de hoxe. Os seus 8 puntos na clasificación xeral afástano dos 20 e 22 puntos que teñen outros dous barcos do Monte Real, o Marías de Manuel María Cunha e o Ferralemes de Enrique Porto, segundo e terceiro respectivamente.

En J70, de novo actuación destacada do Bosch Service Solutions, patroneado por Gonzalo Araújo. O barco do náutico vigués mantén o liderado que logrou tras primeira xornada e aumenta distancia con respecto aos seus rivais máis directos, o Abril Verde de Canido, con Luis Pérez Canal aos mandos; e o Sogacsa de Vigo, liderado por Támara Echegoyen. Ambos van empatados a puntos na xeral e, a espera do que pase na xornada final, pecharían o podio da clase.

Na categoría de Fígaros non houbo cambios na primeira posición, na que se mantén o Serralleiras de Elena Raga; pero si no segundo e terceiro posto. O Ladeira de Alberto Iglesias, que viña segundo da xornada de onte, caeu hoxe á terceira posición, e entrou en caixón de gañadores o Tutatis da FEMAVE, patroneado por Amparo Mollá, que vai segundo.

Así as cousas, poucos cambios nos primeiros postos dos monotipos tras as dúas probas disputadas este domingo, e ningún cambio na clasificación dos grandes barcos que, ante a imposibilidade de realizar con seguridade o percorrido previsto polo exterior da baía, quedaron en terra.

Mañá luns, festivo do primeiro de maio, celebrarase a terceira e última xornada do Trofeo Repsol, que finalizará coa entrega de premios aos gañadores, ás catro da tarde, no Monte Real Club de Yates.

CLASIFICACION 2ª XORNADA TROFEO REPSOL • 40ª REGATA DE PRIMAVERA MRCYB

CLASE J80

1. OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MRCYB
2. MARIAS • MANUEL MARIA CUNHA • MRCYB
3. FERRALEMES • ENRIQUE PORTO • MRCYB

CLASE J70

1. BOSCH SERVICE SOLUTIONS • GONZALO ARAÚJO • RCN VIGO
2. ABRIL VERDE • LUIS PÉREZ CANAL • CM CANIDO
3. SOGACSA • TÁMARA ECHEGOYEN • RCN VIGO

CLASE FÍGARO

1. SERRALLEIRAS • ELENA RAGA • MRCYB
2. TUTATIS • AMPARO MOLLÁ • FEMAVE
3. LADEIRA • ALBERTO IGLESIAS • MRCYB

Os barcos das clases cruceiro-regata e cruceiro non competiron este domingo, polo que se mantén a clasificación provisional da primeira xornada, que é a seguinte:

CLASE CRUCEIRO REGATA

1. BOSCH SERVICE SOLUTIONS • RAMÓN OJEA • CM CANIDO
2. MENUDETA • VICTOR CARRIÓN • CN PUNTA LAGOA
3. ORAL GROUP GALIMPLANT • PEDRO PAZOS • RCN SANXENXO
CLASE CRUCEIRO

1. FEND LA BISE • JEAN CLAUDE SARRADE • MRCYB
2. BALEA DOUS • LUIS PÉREZ • RCN RODEIRA
3. UNUS • LUIS GARCÍA TRIGO • RCN VIGO