Arranca o Trofeo Repsol

Este sábado, a partir da unha da tarde, dará comezo na baía de Baiona, unha nova edición do Trofeo Repsol, a tradicional regata de primavera do Monte Real Club de Yates que neste 2017 cumpre corenta anos.

A falta de que se pechen as últimas inscricións, xa confirmaron a súa participación máis de trinta veleiros de cruceiro e monotipos das clases J80, J70 e Fígaros. Entre a frota, barcos como o Pairo VIII, do Real Club Náutico de Vigo, que resultara vencedor na anterior edición, e que nesta ocasión volve estar patroneado polo novo regatista Luis Bugallo.

Tamén repiten neste 2017 outros dous dos gañadores de 2016, o Margem do Azul III do Monte Real Club de Yates, co portugués Frederico Lopes aos mandos; e na clase J80, o Virazón, que para esta ocasión cambia de líder, substituíndo Willy Caamaño a Miguel Lago á cana.

Desde Vigo chegarán a Baiona un grupo de J70 con nomes tan recoñecidos como o do malacitano e ex regatista de Copa América Laureano Wizner, que navegará co Enersys 6. O regatista oceánico Gonzalo Araujo fará o propio a bordo do Bosch Service Solutions, e no Sogacsa veremos a Tamara Echegoyen, que regresa ao Monte Real tras recibir o ano pasado no club o Premio Nacional de Vela ao mellor equipo feminino xunto coa súa compañeira olímpica Berta Betanzos.

Ampla representación baionesa e viguesa nun Trofeo Repsol no que tamén veremos embarcacións lucindo grímpolas do Real Club Náutico de Palma, como a do Gran Fisgón, con Manuel López á fronte; do Sport Club do Porto, da man do Biao do Pedro Jorge Silva; e de diferentes clubs galegos como os de Rodeira, Sada, Beluso ou Portonovo, entre outros.

Moita variedade na tipoloxía dos barcos e procedencia da frota desta nova edición da regata de primavera do Monte Real, que escoitará os primeiros bocinazos de saída mañá sábado a partir de únaa da tarde.

Para os grandes veleiros, o comité de regata deseñou un percorrido costeiro con pasos polas balizas de Carallones, A Negra, Bondaña, Torre Faro Tofiño e volta de novo por Bondaña, A Negra e Carallones ata as proximidades da Torre Tinaja, no arranque do dique do peirao de Baiona, onde se colocará a liña de chegada.

A frota de monotipos J80, J70 e Fígaros disputaranse varias probas barlovento-sotavento no interior da baía baionesa, nunha zona moi visible para todos aqueles que queiran gozar da competición desde as praias, paseos e montes próximos.

A previsión meteorolóxica anuncia ventos do oeste-noroeste de entre 8 e 14 nós de intensidade e pouco mar, polo que a frota poderá navegar lixeira e completar os percorridos nun bo tempo.

Tras a xornada inicial de mañá sábado, o Trofeo Repsol continuará con novas probas o domingo e o luns, festivo do primeiro de maio, día no que tamén terá lugar a entrega de premios aos gañadores, programada para as catro da tarde nas instalacións do Monte Real Club de Yates. En todas as xornadas, ademais do programa deportivo, haberá degustacións de gintonics, da man de Martin Miller’s, coa súa xenebra Premium, e a tónica Royal Bliss de Coca Cola.

Anuncios