Sin categoría

A Deputación estima unha ocupación hoteleira do 75% na ponte de maio

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá os datos de Turismo Rías Baixas relativos ás previsións de ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra para a vindeira ponte do primeiro de maio. Así, Silva asegurou que as estimacións ascenden, a falta das reservas de último minuto e da climatoloxía, ao 75% das prazas ocupadas en establecementos hoteleiros e ao 50% en aloxamentos rurais.

Os datos para os establecementos hoteleiros, tal e como destacou a Presidenta provincial, “son semellantes aos previstos para a pasada Semana Santa, a mellor dos últimos dez anos”. A ocupación media provincial estimada é do 75%, superándose nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, O Morrazo, Vigo, Pontevedra e Caldas. Así, as comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes rozarán o 100%, O Morrazo agarda o 95% de ocupación hoteleira, Vigo o 90,07%, Pontevedra o 85% e Caldas de Reis o 83,7%. Pola súa banda, o Salnés superará o 64,01%, O Baixo Miño o 57,50% e O Condado e A Paradanta o 30%.

En canto ao turismo rural, a ocupación media provincial será do 50%, superándose nas comarcas do Morrazo, de Caldas, do Salnés, do Condado- A Paradanta e de Pontevedra. Así, as comarcas do Morrazo e de Caldas terán unha ocupación dos establecementos rurais do 90%, Pontevedra previsiblemente superará o 60,5% e as comarcas do Salnés, do Condado e da Paradanta do 60%. Pola súa banda, as comarcas de Vigo, O Baixo Miño e Deza e Tabeirós-Terra de Montes agardan o 20% de ocupación nos establecementos de turismo rural.

Durante estes meses a Deputación de Pontevedra “liderou -segundo indicou Silva- numerosas actuacións para captar un maior número de turistas, promovendo e potenciando actividades co obxectivo de fomentar e desenvolver o turismo na nosa provincia, mellorando a nosa imaxe turística e transmitindo un novo modelo de promover o noso destino”. En concreto, a Presidenta da institución provincial fixo mención as accións realizadas en Fitur, á presentación da campaña, á Gala de Turismo e á promoción realizada en Madrid na sede da SGAE. Tamén adiantou Silva a vindeira promoción do destino Rías Baixas que terá lugar en Lisboa, o próximo 9 de maio, ás que seguirán Porto e outras que se realizarán a través dos centros de Galicia en países como Francia, Brasil ou Arxentina.