A Deputación destinará 150.000 € a subvencións para actuacións e actividades de carácter turístico

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, para actuacións e actividades de carácter turístico durante o ano 2017. Esta liña de axudas ten como finalidade colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector na provincia de Pontevedra.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou que a través desta liña de subvencións “estamos a apostar, unha vez máis, por un sector estratéxico para a provincia de Pontevedra, impulsando a promoción, a calidade, a accesibilidade, a sostenibilidade, a modernización e profesionalización, así como apoiando proxectos que permitan a desestacionalización turística ben a través de campañas de turismo, da participación en feiras, así como de actividades que impulsen a atracción de visitantes ao longo de todo o ano”.

Esta liña de subvencións está aberta a entidades sen fins de lucro con domicilio social na provincia que deberán presentar a solicitude nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O importe máximo da subvención non excederá o 70% do orzamento dos proxectos turísticos que se presenten á convocatoria.

O ano pasado beneficiáronse desta iniciativa entidades correspondentes aos concellos de Oia, A Guarda, Pontevedra, Lalín, Cambados, Sanxenxo, Baiona, A Estrada e O Grove que cubriron entre o 20 e o 70% do orzamento dos proxectos turísticos que levaron a cabo durante o 2016.