A Deputación achega máis de 100.000€ a Baiona para mellorar camiños municipais

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar axudas por valor de preto de dous millóns de euros para que oito concellos da provincia poidan levar a cabo trece proxectos ao abeiro da liña 1 do “Plan Concellos 2017”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que “a través desta liña, dedicada a investimentos, estamos a permitir que núcleos de poboación da nosa provincia poidan poñer en marcha proxectos e actuacións para dotalos de infraestruturas, en moitas ocasións básicas, e garantir, así, a calidade de vida das súas veciñas e veciños”.

Carmela Silva puxo en valor esta aprobación, que ascende a 1.736.261,71 €, a través da cal Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, A Cañiza, Poio, Silleda e Valga poderán poñer en marcha 13 proxectos que van “permitir garantir os servizos básicos dirixidos á cidadanía como é, neste caso, a través da mellora de viarios municipais e sinalización vertical, do impulso do saneamento, o acondicionamento de prazas e espazos públicos ou a ampliación de centros ocupacionais”.

Baiona recibirá unha achega por valor de 101.004,41 € para mellorar camiños municipais.

As axudas aprobadas ata a data pola Deputación de Pontevedra dentro da liña 1 do “Plan Concellos 2017” ascenden a un total de 6.902.080,4 €, isto supón un 26,8 % do destinado a investimentos. Esta é a liña con maior dotación económica do programa e supón o 62,5% do total do plan, cun orzamento de 25.750.000 € (fronte aos 25 millóns de 2016).

O “Plan Concellos 2017” ten asignado para este curso unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3% maior que a aprobada no ano anterior e que entre as súas tres liñas estratéxicas leva aprobado un total de 18,3 millóns de euros dende xaneiro.