Sin categoría

Seis profesores e dous estudantes italianos fórmanse en Nigrán a través do programa Erasmus+

O Concello de Nigrán colabora por vez primeira na súa historia co programa ‘Erasmus +’ acollendo en prácticas a dous estudantes italianos de xestión económica. Matteo Sama e Laura Guizzardgi, de 17 anos e alumnos do instituto de formación profesional Rosa Luxemburg de Bolonia, desenvolverán os seus coñecementos na área de Intervención durante as vindeiras dúas semanas (comezaron onte). A través deste programa europeo e froito deste mesmo convenio co Concello, o IES Proval recibe neste tempo a seis profesores de diferentes zonas do país transalpino, mentres que tres dos seus alumnos de Electrónica se atopan actualmente en Bolonia facendo prácticas.

«O IES Proval propúxonos sumarnos á iniciativa, coa que eles xa levan anos, e non o dubidamos porque supón unha experiencia moi enriquecedora para as dúas partes e porque forma parte tamén do noso compromiso pola educación pública e de calidade», resume o alcalde, Juan González.

Erasmus+ é o programa europeo nos ámbitos de educación, formación, mocidade e deporte para o período 2014-2020. Trata de impulsar as perspectivas laborais e o desenvolvemento persoal, ademais de axudar aos sistemas de educación, formación e mocidade a proporcionar un ensino e unha aprendizaxe que doten ás persoas das capacidades necesarias para o mercado laboral e a sociedade actual e futura.

2017-04-27 - IMG_2542