A Garda Civil detivo aos integrantes dun grupo criminal especializado na comisión de roubos en establecementos comerciais e naves industriais. A operación, bautizada co nome de “Speranto”, péchase co balance de 4 persoas detidas, unha investigada e o esclarecemento de 13 roubos cometidos, na súa maior parte, na provincia de Pontevedra.
As investigacións, levadas a cabo polo Grupo de Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, iniciáronse a finais do pasado ano para dar resposta ao incremento do número de roubos que viñan producindo en naves e establecementos comerciais desta provincia.
A análise pormenorizada do modus operandi centrou a investigación sobre un grupo de persoas, residentes en distintos municipios da provincia de Pontevedra e cun amplo historial de antecedentes policiais.
Despois dun arduo labor de investigación e unha vez identificados plenamente todos os integrantes do grupo e determinadas as funcións que desempeñaban no mesmo, procedeuse á detención graduada no tempo dos compoñentes. O primeiro arresto produciuse o pasado mes de marzo en Ponte Caldelas, o segundo detívose o 24 deste mes no aeroporto de Peinador (Vigo), con cinco mil euros, cando pretendía abandonar a península e os outros dous foron detidos ao día seguinte (25) nos municipios de Redondela e Pazos de Borbén.
A todos eles acúsaselles da comisión de TRECE delitos de roubo con forza en naves e establecementos comerciais, un deles na provincia de Lugo e o resto en distintas localidades da provincia Pontevedra (A Cañiza, Pazos de Borbén, A Lama, Ponte Caldelas, Mos e Pontevedra) e atribúeselles os delitos de pertenza a grupo criminal, receptación e branqueo de capitais.
Modus operandi
Todos e cada un dos roubos planificábanse previamente con estudo pormenorizado dos locais, seleccionando aqueles que se atopaban en zonas illadas e que pola súa aparencia exterior era de fácil acceso e con escasas medidas de seguridade. Para iso adoptaban unha serie de medidas de seguridade como: utilizar vehículos de aluguer para os desprazamentos, o cambio frecuente de teléfonos móbiles e o uso de pasamontañas.
Unha vez elixido o local, fracturaban as fechaduras das portas ou as xanelas para acceder ao interior utilizando sofisticadas ferramentas para forzar as caixas fortes, onde adoitaban atopar importantes “botíns”.
Os efectos roubados gardábanos nos seus domicilios desde onde lles daban saída ao mercado ilícito a través doutro dos membros do grupo que exercía a función de receptador.
Rexistros
Efectuáronse tres rexistros domiciliarios nas localidades de Redondela, Pazos de Borbén e A Lama, onde se recuperaron diferentes efectos relacionados cos roubos investigados: equipos informáticos, teléfonos móbiles, útiles e ferramentas para a comisión dos roubos e unha importante cantidade de diñeiro en efectivo.
Antecedentes policiais
Todos os detidos teñen un amplo historial delituoso, nalgúns casos con máis de cen detencións por delitos contra o patrimonio, cumprindo condenas de ata 12 e 5 anos de prisión. Dous dos arrestados figuraban reclamados xudicialmente para o cumprimento de penas de prisión que tiñan pendentes.
O primeiro membro da organización detido o mes de marzo atópase en prisión provisional e o resto serán postos nas próximas horas a disposición do Xulgado de Instrución nº 1 de Pontevedra, que entende do caso.

