“O Zampakilos Solidario” recolle en Vigo e comarca uns 18.000 quilos de comida para o Banco de Alimentos

FOTO: BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo recolleu este fin de semana en Vigo e comarca uns 18.000 quilos de comida dentro da campaña “O Zampakilos Solidario”, organizada e impulsada por parte de Vegalsa-Eroski.

Uns 400 voluntarios desenvolveron esta recollida de comida o venres e sábado, 21 e 22, en máis dunha vintena de supermercados Eroski Center e Autoservizos Familia situados en localidades como Vigo, Mos, Redondela e Baiona.

Desde a Fundación Provincial Banco de Alimentos agradécese á cidadanía a súa implicación coas persoas máis desfavorecidas, á vez que pon en valor a implicación do grupo empresarial Vegalsa-Eroski e a solidariedade demostrada polos voluntarios.

Precisamente, Vegalsa-Eroski comprométese nesta campaña solidaria a achegar, a maiores, un 4% máis de toda a cantidade de comida recollida este fin de semana. Esta acción solidaria supoñerá un importante impulso en canto ao abastecemento de produtos básicos para o almacén de San Pedro de Sárdoma.

Uns 7.000 quilos recibidos en Pontevedra e comarca

“O Zampakilos Solidario” celebrouse de maneira simultánea este fin de semana en numerosos supermercados do grupo empresarial en Galicia, Asturias e Castela e León. Tamén houbo recollida de alimentos noutras seis superficies comerciais de Vegalsa-Eroski en Pontevedra, Marín, Vilagarcía e Arcade. Aquí o cómputo estimado é duns 7.000 quilos de alimentos doados pola cidadanía.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu en 2016 máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015, cando foron preto de 1,7 millóns de quilos os entregados aos colectivos sociais. A través destas entidades benéficas, a ONG chega a unhas 25.000 persoas con dificultades na provincia de Pontevedra.

Anuncios