Derrota do Cereixa Gondomar FS (3-6) nun partido espeso que supón a perda do liderado a falta de dúas xornadas para a conclusión. Iso si, o equipo de Vincios iguala a puntos cun Lume que non pasou do empate en casa fronte ao Verín e que nestes momentos ten un partido máis.
Os locais non xogaron o seu mellor fútbol sala; estiveron precipitados nos pases, mal situados na pista, arriscando en zonas perigosas e mesmo errados na definición. Todo iso aproveitou un bo equipo como é o Quinta Tui que sen perder o posicionamento táctico, castigou unha e outra vez aos de Vincios á contra. Álex Cabral Álvarez e Edu Rodríguez Pérez en dúas ocasións marcaron para o Cereixa FS.
O equipo rompe unha serie de tres meses gañando de forma consecutiva (12 partidos) e xa prepara o partido aprazado en casa do Beade FS para tentar volver poñerse á fronte da clasificación.

