Sin categoría

Alarza, do Club Ciclista Rías Baixas, logrou a oitava posición na Clásica de Pascua

O rendemento dunha das estrelas do tríatlon mundial no campo Elite e Sub23 non é ningunha sorpresa, pero por iso non deixa de chamar a atención. Fernando Alarza finalizou oitavo na Clásica de Pascua, a súa segunda carreira nas filas do Club Ciclista Rías Baixas. A súa actuación e a de Raúl González na localidade coruñesa de Padrón, foi o máis destacado dun fin de semana con dobre compromiso para a entidade presidida por José Luis Chamorro, que tamén competiu na Clásica Cidade de Torredonjimeno en Xaén.

A formación do Val Miñor presentou un equipo con moitas novidades na Clásica de Pascua, primeira proba puntuable para a recentemente creada Copa Galicia. Unha das caras novas foi a do surafricano Ivan Ventler, que participou xunto ao seu compañeiro Raúl González na fuga que liderou a carreira desde o quilómetro 50 ao 90.

A partir de aí, nos últimos 30 km, a carreira decidiuse nas ascensións ao Alto da Pereira e de Formarís. Venceu en solitario Pedro Merino (Supermercados Froiz) e Alarza cruzou a liña de meta a 1 minuto e 48 segundos do gañador pechando un grupo de catro unidades. A 40 segundos do triatleta manchega chegou Raúl González ocupando a décimo cuarta posición e sendo o terceiro mellor Sub23.

Pola súa banda, Lois Rodríguez concluíu 30º a máis de dez minutos e na clasificación das metas volantes acabou igualado a catro puntos co gañador Piasestki (Kuota). Por equipos, o Club Ciclista Rías Baixas obtivo a quinta posición.

Tirilonte, escapado en Xaén

A sexta xornada da Copa de España se lle atragantou aos representantes do conxunto miñorano. Os pupilos dirixidos por Marcos Serrano volveron estar atentos para coller a escapada do día, pero quedaron moi lonxe de poder loitar polos primeiros postos na Clásica Cidade de Torredonjimeno.

Diego Tirilonte foi un dos dezanove compoñentes da escapada que callou á altura do quilómetro 35 da clásica xienense. Este grupo chegou a gozar dunha vantaxe de case dous minutos, antes de neutralizar no km 99, cando aínda restaban 60 por diante, os máis esixentes coas ascensións a Locubí, de 1ª categoría, e a Valdepeñas de 2ª.

O triunfo correspondeulle a Elías Tello (Kuota), o máis rápido dun grupo de seis corredores. Jesús Nanclares (67º), Rodrigo Enríquez (69º) e Jaime Guzmán (79º) terminaron a case dez minutos da cabeza de carreira. A participación do Club Ciclista Rías Baixas completouse co posto 123 de Borja Alfaraz, o 127 de Diego González e o 129 de Tirilonte.

A Copa de España vivirá a súa antepenúltima xornada o luns 1 de maio coa disputa da Santikutz Klasika, en Legazpi (Gipuzkoa).