O Laroca disputa este sábado a penúltima xornada da liga galega de xadrez

FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA

Unha vez rematados os campionatos galegos disputados en Padrón, disputarase a penúltima xornada da liga galega de xadrez, na que participa o Club Laroca de Nigrán.

Na primeira división no grupo C o Laroca desprazarase a Mondariz para enfrontarse ao equipo do Xadrez Marcote. Os laroqueiros, unha vez conseguido o obxectivo da permanencia, tentarán acadar unha vitoria que lle permita manter a cuarta posición.

Na segunda división o Laroca B desprázase a Salceda de Caselas para enfrontarse ao equipo de Xadrez Altamira, onde tentará certificar a permanencia cunha vitoria.

O Laroca C será o único equipo que xogue na sede de Mallón ante o equipo CXF-Mesón Derby, onde tentarán manter as opcións de ascenso ata a derradeira xornada.

Campionatos galegos

O Laroca estivo representado nas categorías sub 12 por David Represa con catro puntos e medio e rematando no posto 40 da clasificación xeral, na categoría sub 16 por Ana Fernández que conseguiu tres puntos e medio rematando no posto 36, recentemente seleccionada pola Federación Galega para formar parte da selección galega sub 14 para disputar o Campionato de España infantil que se celebrará en Padrón no vindeiro mes de xuño, e por Mireya Represa na categoría absoluta, que con cinco puntos rematou no posto 16 e segunda feminina.

Destacar que na categoría absoluta foi a gañadora a xogadora do Xadrez Padrón Inés Prado Acebo, primeira muller en acadar este título nos últimos 30 anos.

Anuncios