Sin categoría

O PP rexeita a proposta do BNG para un servizo de transporte entre o Val Miñor e o CUVI

O BNG reclamou onte no Parlamento, a través dunha proposición non de lei defendida polo deputado nacionalista, Luís Bará, implantar un servizo de transporte regular entre o Val Miñor e o Campus Universitario de Vigo, inserido no Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia. O grupo maioritario do Partido popular impediu que a proposta do BNG prosperara na comisión de Ordenación Territorial.

Na súa intervención, Bará considerou que a propia Universidade de Vigo en colaboración co resto das administracións debe liderar a solución ao problema do transporte e que este debería ser xa implantado no curso 2017-2018. O deputado indicou que esta é “unha demanda unánime” da comunidade educativa, da Federación de ANPAS do Val Miñor (FAVALMI) e de máis de 400 alumnos e alumnas prexudicados pola ausencia de transporte.

Pola súa parte, o grupo popular, a pesar de coincidir en que esta é unha reclamación histórica da comunidade universitaria do Val Miñor e manifestar que a Xunta está a traballar nun plan que se axuste ás necesidades da veciñanza, votou en contra da implantación do servizo de transporte proposta polo BNG, votación na que a portavoz da comisión, a popular Ana María García Míguez, nin sequera estivo presente por se ter ausentado da reunión.

O deputado acusou á Xunta de “facer as cousas mal” e amosou a súa desconfianza nos plans anunciados pola portavoz popular.

Finalmente, o parlamentario reiterou que a solución pasa pola implicación da Universidade, Goberno Galego e Concellos polo que pediu á Xunta “un compromiso” para elaborar un estudo na procura dunha rápida solución.