
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Baiona xa tramita as solicitudes para optar aos campamentos que a Xunta de Galicia organizará este verán.
A concelleira de Xuventude do Concello de Baiona, Beatriz González, informou de que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, acaba de abrir o prazo para solicitar praza nos Campamentos de Verán 2017, destinados a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos.
Os campamentos desenvolveranse tanto en Galicia como fóra de Galicia, e se contemplan descontos no prezo, tanto para os posuidores do Carné Xove como para as familias numerosas.
O prazo de solicitudes está aberto ata o vindeiro 2 de maio, e as solicitudes poden tramitarse na OMIX, sita no 2º andar da Casa do Concello. Máis información no teléfono 986 385 925.