Sin categoría

O 6 de maio comeza a feira dos sábados de Gondomar

Logo dun laborioso proceso que se dilata desde hai máis de catro meses, o Concello de Gondomar anuncia que o último luns de abril acaba o ciclo de mercadiños que ata agora se celebraba ese día. A nova etapa comeza o primeiro sábado de maio, día 6.

A loxística necesaria xa está estudada, co marcado e sinalizado dos novos postos, coa habilitación dun dispositivo e normativa para a recollida do lixo xerado, etc.

Os técnicos de Polícia Local teñen establecido un dispositivo de sinalización e de estacionamentos potenciais que se habilitarán nas zonas dos institutos e pavillón.

“Todos estaremos atentos ao funcionamento nas primeiras xornadas sabatinas para comprobar o funcionamento dos dispositivos propostos, e para responder ás demandas que a nova situación requira”, sinala Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Comercio.

O principal obxectivo deste cambio de data semanal, é revitalizar as transaccións económicas no concello entre os seus propios habitantes, servir de reclamo para a chegada de novos visitantes ou dar servizos na vila a persoas que non teñen hábito de acudir a Gondomar.

“Desde a Concellería de Comercio estamos moi preocupados pola fráxil situación na que se atopa o comercio e hostalería local. Pesamos que esta pode ser unha das medidas que revitalice o noso tecido económico terciario”, engade Araúxo.

“Pero, ao tempo, dende a Concellería de Comercio e Turismo, estamos a promover reunións con comerciantes e hostaleiros para informar doutros proxectos e iniciativas da Concellería que poidan vigorizar o sector, para conversar sobre a súa conveniencia ou urxencia, para pulsar as súas inquedanzas, para escoitar outras propostas que nos poidan trasladar”, conclúe o concelleiro.

Ambas reunións terán lugar no Centro Neural de Gondomar o xoves día 20. Ás 17:30 cos hostaleiros e ás 20:45 cos comerciantes.