
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar 450.000 € ao abeiro do “Plan Concellos 2017”, correspondente á liña 2 destinada á amortización, pagamento de débedas e gasto corrente, así como os gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas e sociais. Con esta última partida, a institución provincial leva investidos máis de 1,9 millóns dos 6.180.000 € previstos este ano para a liña 2, un 32,31% do total do Plan.
En concreto, as axudas, que ascenden a un total de 432.930,51 € foron destinadas aos concellos de Ponteareas, A Estrada, Gondomar, Crecente, Cuntis, Cambados, Cerdedo – Cotobade e Nigrán.
O Concello de Gondomar recibirá un total de 12.771,29 € que serán investidos nun obradoiro de ximnasia de mantemento para persoas maiores, na V Carreira a prol da corresponsabilidade, para o Gondoverán 2017 e nun obradoiro de informática para maiores.
A subvención de 76.100 € concedida a Nigrán investiranse no 100 aniversario da Parranda de San Pedro, no programa municipal de canguros, no campamento e a ludoteca, na III Milla Solidaria Anemia de Fanconi, no “Flota como poidas”, no “Ano Carlos Casares”, no programa “Música no camiño”, no festival “Nigrán Música”, no “Nigrán Orienta”, tamén servirán para financiar a carreira nocturna, os Premios Nigrán 2017, a Travesía a Nado Costa Serena, o II Trail e BTT Nigrán 2017, o Entroido Nigrán 2017, o festival de música NigránJazz e o Nigrán Area, a Festa de San Fiz, a exposición “A outra cara de África” e o proxecto Ramsar.